Friday 22 de November de 2024

O polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco está a desenvolver nos seus primeiros meses de funcionamento 35 proxectos empresariais


― Trenor lembrou que o Polo Costa da Morte, situado en Coristanco (A Coruña), presta servizo a 29 concellos desta área

― O polo, que iniciou o seu traballo o pasado mes de outubro, presta asesoramento personalizado e permanente para garantir que os negocios medren e se consoliden no tempo

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitaron o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Costa da Morte que, situado en Coristanco, está prestando servizo a persoas emprendedoras de 29 concellos desta área. Este é un dos cinco polos activados pola Xunta de Galicia, dun total de 12 que espera ter en marcha este ano.

Trenor lembrou que “este é o primeiro polo activo na provincia da Coruña e que desde esta sede en Coristanco prestará servizo e apoio aos 29 concellos que conforman as comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas”.
O delegado da Xunta destacou que con estes centros a Xunta de Galicia ofrecen unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial, para que sexan quen de emprender en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios medren e se consoliden no tempo.
Tras uns meses de funcionamento, desde o pasado mes de outubro, este polo presta asesoramento na actualidade a 35 proxectos de emprendemento de 18 mulleres e 25 homes que están recibindo acompañamento persoalizado e adaptado ao estado no que se atope o seu proxecto empresarial. Dez deles atópanse na etapa Emerxer, catro na etapa Explorar, seis na de Executar e cinco na de Expandir.

A temática dos proxectos é moi variada, desde a posta en marcha de establecementos turísticos e cultivos ecolóxicos ata a bioconstrución ou a apertura dun centro de biomedicina.
Os polos constitúen unha das principais actuacións da estratexia de emprego de Galicia Xempre Contigo, que avoga por avanzar na consecución dun mercado laboral mellor, máis preparado e interconectado, no que o emprendemento no territorio resulta clave polos beneficios que reporta na poboación e nas contornas, rematou o delegado.