Friday 22 de November de 2024

A Banda Municipal, co valenciano Saül Gómez como director convidado, achégase en concerto á vida e legado de Leonardo da Vinci


Na actuación, que terá lugar este domingo 5 (12.15 horas) no Teatro Colón, Gómez Soler levará a batuta en composicións como ‘Breathe’, ideada durante os meses do confinamento pola pandemia

A Banda Municipal de Música da Coruña abre esta fin de semana a programación de marzo correspondente aos ciclos de Inverno e Primavera da agrupación, que presentou a mediados de xaneiro a alcaldesa, Inés Rey, e que abrangue un total de 43 concertos neste primeiro semestre de 2023.

O concerto deste domingo 5 (12.15 horas), que terá lugar no Teatro Colón, contará co valenciano Saül Gómez Soler (Ontinyent, 1982) como director convidado. Gómez Soler é, en palabras do director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, “un compositor e director novo, pero xa consagrado a nivel nacional e internacional”. A súa traxectoria profesional inclúe, por exemplo, a dirección de formacións bandísticas tanto no territorio español como en diferentes partes de Europa, en cidades como Salzburgo, Innsbruck, Praga, Berlín e Múnich.

A actuación do domingo, de carácter monográfico, abrangue obras co selo de Gómez Soler, baixo a súa dirección. A primeira parte do concerto ábrese cun pasodobre de JesúsBordera, que continúa coa estética propia das comarcas centrais da Comunidade Valenciana, así como a música escrita para as festas de mouros e cristianos. A continuación, cobrará relevancia a figura de Bernardo Landrove, trompetista da Banda Municipal de Música da Coruña que exercerá como solista na peza ‘Spices’, “coa que nos adentraremos no universo gustativo das especias”, subliña Gómez Soler.

Xa posteriormente, o director e compositor valenciano achegaralle ao público unha das súas obras de recente creación, ‘Breathe’, unha composición con raíces nos meses do confinamento pola pandemia da Covid-19. “Trátase dunha reflexión que parte dun significado especial: como a pandemia, de súpeto, deixou sen alento e respiración a toda a humanidade”, apunta o compositor valenciano.

A segunda parte da actuación comenzará con ‘Gioia’, “unha pequena obra que reflicte a alegría de sentirnos vivos e queridos pola xente que nos arrodea”. Pechará o concerto ‘Leonardo Dreams’, unha obra que descobre a imaxinación de Leonardo da Vinci a través de varios apartados vencellados á vida e obra do xenio florentino: a influencia de Florencia como cidade, o seu libro de notas, e os seus deseños do home de Vitruvio e as máquinas voladoras, así como a Monna Lisa. Neste sentido, o Teatro Colón acollerá este domingo a estrea da versión estendida desta peza.

Como xa é habitual, a sesión será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto. Retransmitirase tamén en directo a través da canle oficial da BMMC en YouTube.