Renovaranse os contidos desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcionar para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes.
A antiga casa reitoral de Golmar alberga desde decembro de 2009 o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Aquela iniciativa permitira recuperar unha edificación do século XIX de alta calidade e importancia histórica para Golmar, e poñer a parroquia no mapa cultural e turístico galego por contar cun museo centrado na posta en valor dos muíños de auga destacando a súa riqueza etnográfica e patrimonial.
Durante os últimos anos o museo recibiu centos de visitantes e tamén albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esta actividade levou ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar a obter cada ano desde 2018 o recoñecemento como Centro Azul de Educación Ambiental que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).
Agora o Concello pretende darlle un novo impulso á instalación e modernizala por medio dun proxecto de remusealización, valorado en preto de 50.000 euros, co que se renovarán os seus contidos desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes.
Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo, ademais de poñer valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños e, por tanto, ás concas fluviais e á actividade agrícola, tamén suporá un impulso para reactivar a económica dunha parroquia rural como é Golmar e o seu entorno.