Thursday 21 de November de 2024

8-M, Semente de vencer


Nestes días de conmemoración, celebración e reivindicación que se organizan, como cada ano, no marco do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, desde o Concello quérese reafirmar o compromiso social co principio de igualdade de trato e oportunidades entre todas as persoas, co obxectivo de acadar unha sociedade xusta e democrática, afastada da violencia de xénero e demais violencias machistas.

Durante décadas, o Concello de Oleiros leva dando importantes pasos na adopción e mantemento de políticas de igualdade de cara á cidadanía e de cara á propia organización municipal. Así o pon de relevo a implementación do xa II Plan de Igualdade, de forma transversal en todo o municipio e desde os diversos departamentos municipais. E é que, desde todos eles, tense unha longa e sostida traxectoria no deseño de actividades que inclúen a perspectiva de xénero e o principio de igualdade e interseccionalidade, poñendo en marcha medidas de acción encamiñadas a rachar cos estereotipos, prexuízos, mandatos e roles de xénero, así como todas as violencias machistas. Mostra disto son as múltiples actividades que se organizan ao longo do ano desde as Bibliotecas, as Casas da Mocidade, a área de Cultura, a de Ensino e Xuventude, Servizos Sociais etc., encamiñadas a derribar estereotipos, prexuízos, roles, violencias, avogando por temáticas nas que se teñan en conta as voces, os relatos e as experiencias da “outra” metade da poboación: as mulleres.

Neste marco, cómpre destacar as sesións de contacontos realizadas nas diferentes bibliotecas municipais, onde se inclúe a perspectiva de xénero como eixo transversal; a colaboración da área de Cultura co programa “Elas son artistas”, a alta presenza de mulleres na programación de “Voces cálidas para noites de inverno”, a escolla de pezas teatrais que recollen o relato das mulleres etc.; as múltiples actividades realizadas en materia de xénero nos centros educativos, institutos e Casas da Mocidade; as actividades específicas desenvoltas para mulleres desde a área de Igualdade e Servizos Sociais tales como “Obradoiro do Corpo”, “Móvete+” etc. Así como todas as que están por chegar ao longo de todo o que resta de ano: cafés literarios feministas; obradoiros de auto-coñecemento, auto-coidado, autoestima e sexualidade; autodefensa feminista; práctica deportiva e estereotipos de xénero; etc.

E é que, desde a política municipal, enténdese que a única forma de rachar coas desigualdades, as discriminacións, os prexuízos, as violencias…e promover o recoñecemento da dignidade, o libre desenvolvemento persoal e a igualdade de dereitos e oportunidades, é seguir apostando por un modelo de gobernanza orientado cara a consolidación da transversalidade da perspectiva de xénero e o enfoque interseccional en toda a actividade municipal, e seguir ofrecendo á poboación -desde as idades máis temperás- actividades de sensibilización e concienciación neste eido, proporcionando referentes de igualdade e bo trato nos que nenas e nenos, homes e mulleres se vexan reflectidos.

Así, o Concello de Oleiros está comprometido co logros acadados, mais tamén con todo o traballo que queda por facer en prol da igualdade. Porque si, é necesario, xusto e esencial seguir plantando e xermolando sementes. Sementes de vencer. Sementes de vencer en prol da igualdade.