A XI Carreira Popular Torre de Hércules terá lugar o 18 de marzo xunto cunha andaina solidaria para conmemorar o 8 de marzo
A décima edición do circuíto Coruña Corre bota a andar coa apertura das inscricións para o conxunto das carreiras populares e para a súa primeira proba, a XI Carreira Popula Torre de Hércules, que por terceira edición consecutiva estará acompañada dunha andaina solidaria para conmemorar o Día Mundial da Muller. As persoas interesadas en participar xa poden informarse sobre o circuíto e cada unha das carreiras a través da páxina web de Coruña Corre.
O Goberno de Inés Rey continúa deste xeito co seu apoio ao deporte local e amosa o seu compromiso cun circuíto de carreiras moi querido e demandado polas persoas corredoras das cidade. “A nosa intención é que nesta décima edición consigamos bater o récord de inscricións da pasada edición e fomentemos así a práctica deportiva nas distintas idades”, sinalou Rey.
A primeira proba, a Carreira Popular Torre de Hércules Trofeo José Antonio Varela Calviño, terá lugar o vindeiro sábado 18 de marzo ás 20.00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o domingo 12 de marzo ás 23.59 horas. A cota de inscrición será de 3 euros máis 2 euros polo chip refugable. Haberá unha cota especial para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove de 2 euros polo dorsal e 1 euro polo chip.
Por outra banda, as persoas que queiran inscribirse no circuíto completo de Coruña Corre poderán facelo tamén desde hoxe a través da páxina web. Este tipo de inscrición xera automaticamente a inscrición en cada unha das probas, sen necesidade de confirmar a participación de xeito individual. O custo é de 12 euros. As persoas participantes utilizarán o mesmo dorsal e chip para todo o circuíto. No momento da inscrición, os participantes na C21 e na 5K do pasado 12 de febreiro deberán indicalo para que se lles devolva o 50 % do prezo do circuíto, unha vez comprobados os datos.
Nesta primeira proba, como é habitual, ademais da categoría absoluta haberá categorías inferiores, que se disputarán a partir das 17.00 horas. Ademais, terá lugar a terceira andaina solidaria para conmemorar o 8 de marzo. Nesta proba, que comezará 5 minutos despois da carreira absoluta, poderá participar calquera persoa con independencia da súa idade. As persoas participantes deberán realizar unha doazón e levarán o dorsal solidario 261. As doazóns serán de 3 e 5 euros ou dunha cantidade superior. As persoas participantes recibirán un obsequio conmemorativo.
Os dorsais da carreira, da andaina e do circuíto recolleranse o venres 17 de marzo de 17.00 a 21.30 horas e o sábado 18 de marzo, día da proba, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo da carreira que corresponda.
Datas do circuíto Coruña Corre
● XII Carreira Popular Torre de Hércules: 18 de marzo
● XV Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma: 7 de maio
● XI Carreira Popular Os Rosales: 21 de maio
● VII Carreira Popular Matogrande: 25 de xuño
● XI Carreira Popular Volta a Oza: 10 de setembro
● VIII Carreira Popular Ventorrillo: 22 de outubro
● XI Carreira Popular Novo Mesoiro: 26 de novembro