A concelleira de Ensino, Meredes Taibo, informou da apertura do prazo de matrícula para o curso 2023-2024 nas tres escolas infantís municipais, uns trámites que se poden realizar ata o vindeiro 20 de marzo, incluído. En total os centros da Solaina, A Gándara e Piñeiros ofertan 126 prazas para menores de 0 a 3 anos, tal e como apuntou a edil naronesa.
No caso da escola infantil da Solaina hai dispoñibles 16 prazas para menores de 0 a 1 anos; 13 para o grupo de 1 a 2 e 15 para o de último ano, de 2 a 3. Na da Gándara tamén se ofertan 16 prazas para nenas e nenos de 0 a 1 anos, e 13 para os de 1 a 2, se ben no caso de 2 a 3 hai 14 vacantes. Na escola infantil de Piñeiros o número de prazas para menores de 0 a 1 anos é de 16; para os de 1 a 2 de 11 e para os de 2 a 3 de 12.
As familias interesadas en matricular ás súas fillas e fillos nestes centros poden facelo no Concello, a través do Rexistro municipal –de luns a venres de 8.30 a 13.30 horas- ou na Sede Electrónica de Narón, tal e como indicou a concelleira de Ensino. A edil recordou ademais que a través da web municipal buscocole.naron.es se ofrece información e orientación ás familias sobre os centros de ensino da cidade.