Friday 22 de November de 2024

O Concello recibe da Deputación o visto bo ao modificado de proxectos das obras no Murallón, Ardá e Cruz do Pouso-Fontevella necesario para a licitación


A Administración local incrementa nuns 75.000 euros os fondos para as intervencións, aumento que asumirá cos orzamentos municipais

Busca así dar solución aos problemas nos procesos de contratación das obras, tras dous concursos que quedaron desertos

O pleno da Deputación provincial da Coruña aprobaba na súa última sesión celebrada en febreiro os proxectos modificados das obras de acondicionamento de varios camiños e pistas municipais presentados polo Concello de Neda. Un trámite necesario para que a Administración saque de novo a contratación as obras tras dous procesos fallidos, que quedaron desertos ao non presentarse ningunha empresa. Para dar solución á situación, o Concello aumentaba o orzamento das intervencións nuns 75.000 euros, elevando a partida conxunta máis aló dos 208.000 euros. Ese incremento será asumido integramente pola Administración local, que complementará así o investimento provincial. Xa que as obras se financiaban inicialmente con fondos do POS da Deputación, era imprescindible contar co seu visto bo para volver a licitar as intervencións.

Así as cousas, o Concello prevé sacar a contratación de inmediato os traballos de aglomerado, que se levarán a cabo nos:
-Camiños no Murallón, cun investimento de 63.359,92 euros -fronte aos 38.739,52 euros iniciais-.
-Camiño de Ardá, cun investimento de 71.255,85 euros -fronte aos 46.041,71 euros iniciais-.
-Camiño de Cruz do Pouso-Fontevella, cun investimento de 73.783,54 euros – fronte aos 48.717,76 iniciais-.