Friday 22 de November de 2024

Natalia Doval Álvarez incorpórase ao Concello de San Sadurniño como nova Traballadora social


 

O Concello de San Sadurniño completou a principios de febreiro o proceso selectivo iniciado un ano antes para cubrir con carácter definitivo a praza de Traballador/a social. Un posto de funcionariado do grupo A2 e nivel 24 que permanecía vacante desde a marcha de Cristina Paz Galindo e que estivo ocupado desde 2019 por David Saavedra Pino mediante un contrato de interinidade. Ao cabo das probas convocadas durante os últimos meses, a aspirante que obtivo unha maior puntuación foi Natalia Doval Álvarez. Diplomada en Traballo social pola USC en 2007, Doval incorporouse ao departamento municipal de Servizos Sociais o xoves pasado e hoxe mesmo mantivo unha xuntanza de presentación coas traballadoras do SAF, un dos servizos “prioritarios” do Concello, tal e como ela asegurou e como reiterou o alcalde, Secundino García.

Nos útimos días, a nova Traballadora social de San Sadurniño estivo facéndose “unha composición de lugar” sobre a realidade do municipio e sobre os expedientes en marcha que se atenden desde o seu departamento. Antes de aprobar en San Sadurniño, Doval traballou nos concellos de Cambre, Cabanas, Sada e Arteixo, ademais de acumular máis de dez anos de experiencia en residencias e servizos asistenciais.

Esta tarde mantivo un encontro coas traballadoras do SAF para intercambiar impresións con elas sobre como desenvolven o seu labor. “Estamos nun momento no que unha das prioridades é o Servizo de Axuda no Fogar. Temos unha poboación moi envellecida e debemos traballar en atención domiciliaria e tamén en estimulación e prevención”, comentou antes da xuntanza de presentación, á que tamén asistiron a Educadora familiar, Pilar Calvo, a responsable de Igualdade, Araceli Bellas, e o alcalde, Secundino García.

O rexedor deulle a benvida á nova Traballadora social e desexoulle “o mellor” no desenvolvemento das súas funcións, cualificadas por García Casal como un dos principais eixos da acción municipal. “No concello podemos ter máis ou menos baches, pero a atención domiciliaria é fundamental”, asegurou o alcalde.

Secundino García tamén louvou o labor diario das traballadoras do SAF -algunhas delas con máis de 25 anos de experiencia- e reiterou a importancia das súas achegas para a mellora do servizo, recordando que a recente adquisición de camas, guindastres e outro material -cun investimento de 14.000 euros- foi unha petición do propio colectivo.

O alcalde explicou que dentro duns días se fará a distribución dese equipamento “con criterios técnicos”, tomando como referencia a información sobre necesidades facilitada polo persoal de axuda no fogar que, en palabras de Secundino García, “é para moitas persoas a cara visible do Concello”.

Por último, o Goberno local tamén avanzou que proximamente as traballadoras do SAF recibirán formación especializada sobre detección e abordaxe do deterioramento cognitivo impartida por AFAL Ferrolterra.