Saturday 23 de November de 2024

200 familias larachesas xa se sumaron á campaña de compostaxe doméstica impulsada polo concello


A iniciativa lévase a cabo coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

O programa de compostaxe doméstica impulsado polo Concello está a ter unha excelente acollida. Despois de apenas cinco meses desde que comezara a desenvolverse esta campaña, xa son duascentas as familias larachesas que se sumaron a ela.

A iniciativa vai dirixida en exclusiva a residentes en vivendas unifamiliares con parcela anexa. Consiste na cesión gratuíta de composteiros domésticos e kits de compostaxe combinada con campañas informativas e asesoramento par parte de persoal especializado acudindo ás propias vivendas para a súa implementación e, posteriormente, para realizar o seguimento e aconsellar sobre o uso axeitado do equipamento.

Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e está realizado en material 100 % reciclado. Conta cunha tapa superior con peche anti-vento e dobre apertura, así como cun sistema de montaxe sinxelo. Os kits de compostaxe están composto por aireador de aceiro inoxidable, rede antirroedores e manual en papel impreso coa información necesaria para a correcta realización da compostaxe.
Precisamente no día de hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, estiveron presentes durante o proceso de implementación do composteiro nunha vivenda particular da parroquia de Cabovilaño.

Aquelas persoas e familias que cumpran os requisitos establecidos e desexen formar parte do programa de compostaxe doméstica xa poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro cumprimentando o formulario que está dispoñible na web municipal (https://www.alaracha.gal/gl/pagina/257/compostaje/) ou poñéndose en contacto co Concello.

A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo polos fertilizantes artificiais.

Con esta iniciativa, impulsada polo Concello coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medio ambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos que se depositan nos colectores.