Friday 22 de November de 2024

Arto o prazo de inscrición para a VII edición da carreira nocturna SantYaGo 10K o vindeiro 29 de abril


A partir de hoxe, todas aquelas persoas interesadas poderán inscribirse para participar na carreira nocturna SantYaGo 10 K que se celebrará o día 29 de abril ás 22:00 horas. Esta carreira nocturna homologada pola Federación Española de Atletismo e que conta coa colaboración do departamento de Deportes do Concello de Santiago, percorrerá as rúas máis emblemáticas da cidade, con saída en San Francisco e chegada á praza do Obradoiro, con máis do 50% do seu circuíto na súa zona monumental.

A concelleira de Deporte, Esther Pedrosa, acompañada do presidente do Club de Atletismo Fontes de Sar, José A. Juanatey, e do delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Ivan Sanmartín, presentou esta mañá en rolda de prensa os detalles da VII edición da carreira nocturna SantYaGo 10K, que se celebrará en Compostela o vindeiro 29 de abril ás 22.00 horas e que terá como límite máximo de participantes, 1.500.

Incluída no circuíto de carreiras Patrimonio da humanidade, un ano máis a carreira apoia o deporte inclusivo colaborando con ENKI, asociación que traballa pola inclusión das persoas con diversidade funcional, con especial atención aos menores, a través da práctica da cultura física e deportiva non competitiva.

Como en anteriores edicións, a SantYaGo está orientada ao corredor popular, que vén a Santiago a gozar e coñecer a cidade facendo deporte. Mantendo o seu carácter lúdico, o este evento deportivo tamén contará cunha variedade de actuacións en directo ao longo de todo o percorrido, e unha serie de sorteos destinados aos rexistrados e voluntarios. A concelleira animou a todo ao mundo a unirse á carreira, tanto á veciñanza como a aqueles visitantes que queiran “coñecer Santiago correndo as súas rúas”. Para impulsar a participación, a carreira porá tamén este ano a disposición das persoas interesadas, o “dorsal peregrino”.

Inscrición

Para inscribirse haberá dous prazos: ata o 2 de abril, cun prezo de inscrición de 10€; e do 3 ao 24 de abril, que pasará a 13 €. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web da SantYaGO 10k.

Os abonados ao Multiusos Fontes do Sar e o CD Santa Isabel disfrutarán dun desconto de 2€ na inscripción

Historia da proba

SantYaGo10k naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

SantYaGo10K conta co apoio do Concello de Santiago, o Multiúsos Fontes do Sar/Complexo Deportivo de Santa Isabel e as federacións galega e española de atletismo. Tamén colaboran na carreira a Policía Local de Santiago, Protección Civil, Cruz Vermella, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Deporte Galego, Turismo de Santiago de Compostela e Kodular, así como outras entidades e empresas da cidade.