Galiza Nova presentou as XXIII Xornadas da Historia de Galiza que terán lugar en Rianxo os días 17, 18 e 19 de marzo e xirarán en torno á historia do movemento nacionalista galego. A secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, animou a toda a mocidade galega a participar das palestras que se impartirán neses días no Pazo de Rianxiño.
A organización xuvenil do BNG elixiu o concello de Rianxo pola súa vinculación coa figura de Castelao, “Castelao é un dos pais do nacionalismo galego tal e como o entendemos hoxe en día, por iso eliximos a vila que o viu nacer para desenvolver estas xornadas formativas” sinalou Gómez.
As xornadas darán comezo o venres ás sete da tarde cunha palestra xenérica sobre nacionalismo galego que impartirá a deputada do BNG no parlamento galego Olalla Rodil, continuarán o sábado con diferentes palestras ao longo da historia do movemento nacionalista e terán a súa clausura o domingo a medio día tras o visionado do documental sobre os 20 anos do prestige.
Durante a tarde do sábado as mozas e mozos da organización realizarán tamén un roteiro pola vila que impartirá Adolfo Muíños, alcalde da mesma, este sinalou que “para nós é un orgullo que as mozas e mozos de Galiza Nova veñan facer estas xornadas na nosa vila, que foi berce de Castelao, e que sigan formándose e aprendendo sobre nacionalismo galego nun momento tan importante”.
“Queremos animar a toda a mocidade a participar esa fin de semana con nós en Rianxo” apuntou Marta, “as xornadas son unha oportunidade para formarse e para aprender, mais tamén son un bo espazo para o convivio e para coñecer a realidade das mozas e mozos de distintas zonas do país, por iso creo que calquera persoa que teña interese debería achegarse sen medo” engadiu.
As xornadas son abertas a todas as persoas de entre 15 e 30 anos que queiran participar delas, mais deberán facer unha inscrición previa en liña a través dun formulario que se atopa tanto na web como nas redes sociais da propia organización xuvenil.