A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao plan de modificación puntual da actual ordenanza municipal, que se remonta ao ano 1997. “Debe adaptarse á normativa vixente”, lembrou a alcaldesa
Ademais, este mércores aprobouse a nova convocatoria das Bolsas Comedor para o curso escolar 2023-2024, que estará dotada cun orzamento superior aos dous millóns de euros
O Goberno municipal aprobou hoxe, en Xunta de Goberno Local, o proxecto para a modificación puntual da ordenanza municipal para a protección e tenza de animais, un trámite de carácter previo á súa aprobación inicial no Pleno.
Anunciouno esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, que lembrou que a ordenanza municipal actual remóntase ao ano 1997. “O obxectivo é adaptala á normativa vixente, co propósito de mellorar a convivencia dos animais coa veciñanza, con especial atención á salubridade”, sinalou a rexedora. Neste sentido, e unha vez que se aprobe a modificación da ordenanza, toda persoa que pasee co seu can pola vía pública deberá levar consigo unha botella de auga, mesturada, por exemplo, con zume de limón ou bicarbonato de sodio, para limpar as miccións dos animais.
A ordenanza actualiza tamén o apartado referente ás sancións por infraccións, subindo os importes, por exemplo no caso das infraccións leves: por non recoller os excrementos, infracción que antes oscilaba entre os 30 e os 300 euros, pásase dun mínimo de 100 ata 500 euros.
Por outra banda, e ademais de incluír a prohibición do sacrificio animal, acorde coa lexislación vixente, este proxecto de modificación da ordenanza abrangue a novidade da inclusión da cala de Bens como praia canina. “Desta forma, e unha vez que se aprobe a ordenanza, este areal pasará a ter dita consideración durante todo o ano, o que permitirá acudir ás persoas usuarias cos seus cans, sempre baixo o seu control e responsabilidade”, explicou Inés Rey.
A convocatoria de Bolsas Comedor para o curso escolar 2023-24
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde este mércores á nova convocatoria do programa municipal de Bolsas Comedor, que contará cun orzamento de algo máis de 2 millóns de euros para o curso escolar 2023-2024.
“Un ano máis, e co obxectivo de reforzar as políticas sociais, o Concello busca incrementar o apoio ás familias que teñen dificultades para atender as persoas que teñen ao seu cargo”, subliñou Inés Rey durante a súa intervención.
Como xa é habitual, a convocatoria diríxese ao alumnado dos centros escolares localizados no termo municipal, dotados de comedor, para as idades de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, así como FP e Educación Especial.
Neste sentido, e como principal novidade, a nova edición das Bolsas Comedor formula, como mellora, a concesión automática da axuda para o pagamento do comedor escolar aos menores que se atopen nun programa de inclusión social e transición á vida autonóma da Rede Municipal de Acollida. Ademais, as bases desta nova convocatoria atenden á realidade das familias nas que exista unha vítima de violencia de xénero. A novidade radica en que non computará como membro da unidade familiar nuclear o agresor, excluíndo os seus ingresos do cálculo da capacidade económica da unidade familiar.
O prazo de presentación de solicitudes das Bolsas Comedor para o curso escolar 2023/2024 abrirase o luns 13 de marzo, e rematará o 12 de abril.
Apoio aos programas sociais Norte e Aliados, a través da Asociación Participa
Tamén no referente á área de Benestar Social, a Xunta de Goberno Local autorizou a concesión dunha subvención nominativa superior aos 26.000 euros, que, a través da Fundación Emalcsa, contribuirá á financiación dos programas sociais Norte e Aliados por medio da Asociación Participa para a Inclusión Social.
O proxecto Norte, que se leva a cabo en colaboración coa Fundación María José Jove e a través da asociación Participa, é unha iniciativa pioneira que, desde o ano pasado, dá apoio a mozos e mozas en situación persoal ou social de risco emocional, co obxectivo de previr condutas autolesivas.
Por outra banda, Aliados, que tamén se leva a cabo grazas á colaboración entre o Goberno municipal, a Fundación María José Jove e a asociación Participa, ten como principal obxectivo que persoas de entre 16 e 21 anos en risco de exclusión reciban formación para a súa capacitación laboral.
Solicitude de fondos para melloras en Eirís de Abaixo e Mesoiro Vello
No referente á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local ratificou a participación doConcello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS) da Deputación da Coruña, co obxectivo de cofinanciar traballos de mellora previstos no lugar de Eirís de Abaixo e tamén en Mesoiro Vello.
No caso de Eirís de Abaixo, o Concello prevé acometer unha intervención para recuperar o caudal de auga da fonte dos Caños, un enclave histórico de alto valor patrimonial para o barrio, situado entre Eirís de Abaixo e a parte superior do parque de vivendas do Ofimático.
“O noso obxectivo é a recuperación, tanto estética como funcional, da fonte dos Canos. En primeiro lugar para devolverlle a súa funcionalidade co subministro de auga, polo que se prevé conectala á rede municipal de abastecemento e, ademais, construír unha conexión da fonte coa rede de pluviais que transcorre pola rúa”, apuntou Inés Rey.
En paralelo, remodelarase a contorna da fonte, coa modificación do pavimento da rúa, substituíndo o asfalto por outro firme, de granito. No acceso á fonte, ademais, colocarase outro pavimento de lousas de granito. A isto sumarase a construción dunha nova beirarrúa e un espazo axardinado na contorna inmediata da fonte, adaptándoo acorde á súa situación entre o lugar de Eirís de Abaixo e as parcelas de Xuxán. O investimento previsto é de case 110.000 euros.
A substitución da pasarela peonil na rúa Fonte Grande, en Mesoiro Vello
En Mesoiro Vello, e tamén baixo un formato de cofinanciación ao abeiro do POS, o Concello ten previsto acometer unha intervención para a reconstrución da pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro e que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa Rúa Horta.
A pasarela, que será completamente nova, terá sete metros de lonxitude e atenderá a normativa vixente en termos de accesibilidade. O proxecto, xa aprobado, contempla tamén a adecuación do leito do río Mesoiro neste mesmo enclave, mediante o perfilado das ribadas e a rectificación do leito, xa que na actualidade sofre unha desviación non natural provocada por un muro de peche dunha parcela privada. Mitigarase, así, o risco de inundación na contorna. En paralelo, mellorarase a rede de saneamento na contorna. O orzamento previsto para acometer esta obra é de 128.000 euros.
Balance de licenzas
Este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 10 e 23 de febreiro, con 187 expedientes notificados, dos que 33 foron licenzas urbanísticas e 97 foron obras en réxime de comunicado.
Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá acometer a ampliación do edificio que acolle o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), no campus universitario de Elviña.
Adxudicación de catro locais no Mercado de San Agustín
Ademais, o Goberno municipal resolveu hoxe a adxudicación definitiva de tres das catro cantinas exteriores do Mercado de San Agustín, así como un posto máis, tamén no exterior da instalación, dando continuidade ao proceso de impulso comercial que o Concello está levando a cabo nos postos que estaban baleiros ou carentes de actividade en continuidade.
Os postos adxudicados abranguen dúas cantinas situadas nos laterais do acceso principal ao mercado, así como outra cantina e un local comercial orientado á repartición de mercadorías, dous negocios que están localizados na rúa Pío XII.
A xestión dos postos, que se levará a cabo en réxime de concesión por unha duración inicial de quince anos, poderá prorrogarse por outros dez anos máis, ata un máximo de 25. “Desta forma, o Concello avanza na revitalización do mercado de San Agustín, onde a súa contorna foi obxecto dunha reurbanización completa con renovación de todo o firme e instalación de plataforma única para fomentar o uso peonil do espazo. Nesta intervención, o Goberno municipal levou a cabo un investimento de algo máis de 619.000 euros”, lembrou Inés Rey.
Licitación do novo contrato na canceira de Bens
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación do servizo de recollida, transporte, mantemento e residencia de animais domésticos na cidade, centralizado no Centro Municipal de Animais Domésticos de Bens.
Este novo contrato abrangue o servizo de lazaría de animais domésticos en todo o termo municipal, a identificación e saneamento dos animais e tamén a residencia e mantemento dos mesmos; a xestión da adopción e acollida temporal de animais abandonados e tamén a xestión das colonias felinas.
Neste sentido, establécese un mínimo de 190 intervencións anuais a respecto da xestión das colonias felinas, “unha cuestión na que é de agradecer a colaboración cidadá, pola súa importante achega”, apuntou a alcaldesa.
Tocante ao apartado de persoal, o contrato establece que deberá haber, como mínimo, un responsable de servizo, catro operarios e un servizo de retén para cubrir o contrato os 365 días do ano, persoal de atención ao público e tamén a disposición dun veterinario a tempo completo.
O novo contrato terá unha duración de dous anos, prorrogables por outros tres máis, dotados de 493.335 euros por exercicio.