Saturday 16 de November de 2024

O Concello reordena o aparcadoiro na avenida Gerardo Porto, no Paseo Marítimo, sumando 60 novas prazas


O Goberno municipal executa esta medida para paliar a falta de prazas na rúa en Labañou e evitar o aparcamento irregular

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, executará nos vindeiros días traballos de reordenación do tráfico na avenida Gerardo Porto, no Paseo Marítimo. A actuación levarase a cabo no tramo que vai do obelisco Millenium á glorieta que dá acceso á avenida de Labañou.

Neste percorrido suprimirase un carril de circulación e as prazas de aparcadoiro en liña pasarán a estar en batería. Esta acción permitirá pasar de 74 a 134 estacionamentos, sumando 60 novos. A actuación consistirá no pintado da nova disposición da calzada, que comezará a executarse este mesmo xoves. Este traballo da pintura das prazas acompañarase do pintado tamén de nova sinalización do sentido da circulación.

Esta actuación do Goberno de Inés Rey desenvólvese de maneira paralela aos traballos de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita, en Labañou. “O obxectivo que buscamos é dotar o barrio dun maior número de prazas de aparcadoiro e así mitigar a ausencia de garaxes en moitos edificios e eliminar o aparcamento irregular nas rúas do grupo de vivendas”, sinala o concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego.

Grupo de vivendas María Pita

O Goberno de Inés Rey está a executar traballos de humanización na contorna do grupo de vivendas María Pita, en Labañou, que contan cun orzamento de 728.000 euros. O obxectivo desta actuación é a mellora do tránsito peonil e a accesibilidade nas rúas mediante a implementación dunha plataforma única que axude a diminuír o tráfico. Mellorarase tamén a contorna desde o punto de vista medioambiental e de integración paisaxística, incrementando de maneira notoria o arboredo e as zonas verdes no espazo público.

Por outra banda, crearase unha nova zona de xogos e un espazo de lecer no patio interior existente entre os bloques de vivendas, aberto ao aire libre. A actuación requirirá a eliminación do muro de contención que divide a praza, na que se situarán parte dos xogos previstos. Contruirase tamén unha gran rampla para conectar ambos os niveis.