Dende o noso grupo político municipal levamos tempo advertindo do feito de que a alcaldesa de Bergondo, Dna. Alejandra Pérez Máquez, persiste na idea de manter a toda costa unha medida que xurdiu nun determinado momento (Pandemia) e que aínda non foi suprimida. Referímonos á obrigatoriedade para a cidadanía de contar con cita previa para ser atendida de xeito presencial en determinados servizos da administración local de Bergondo (Rexistro xeral e padrón, fundamentalmente). Fixemos diversas solicitudes para que a alcaldesa reconsiderase o mantemento de algo que está a chocar frontalmente co sentir popular maioritario. Mais ditas solicitudes non foron atendidas e mesmo se diría que chegamos a un punto no que a rexedora municipal non ten intención algunha de “dar o brazo a torcer” neste sentido. Sostenella y no enmendalla parece ser a día de hoxe a idea central que dirixe a negativa contumaz da nosa alcaldesa respecto deste asunto.
Vaia por diante que dende Alternativa dos Veciños de Bergondo non nos opoñemos nin á cita previa nin ao uso das canles telemáticas dispoñibles na actualidade. Antes ao contrario, considerámolas axeitadas, útiles e de suma importancia para as persoas que por comodidade ou que debido a que contan con pouca dispoñibilidade horaria non poden relacionarse coa administración local de xeito presencial. A nosa oposición frontal é con respecto á obrigatoriedade da mesma. Por entender dita obriga como a interposición innecesaria dunha barreira inxustificable á cidadanía, especialmente coas persoas maiores ou que non se manexan con axilidade polas canles telemáticas. Ademais diso, e como se ten manifestado publicamente dende a institución do Defensor del Pueblo, poderíamos estar diante dun suposto claro de conculcación de preceptos e mandatos constitucionais.
En base ao exposto solicitamos da institución á que nos diriximos teña por presentada esta queixa e inicie os trámites ou procedementos aos que haxa lugar para tentar cambiar a situación descrita, e se nos informe dos pasos que se vaian dando segundo se vaian sucedendo.
Como grupo político, pero tamén como cidadáns e cidadás do noso municipio, queremos que ao pobo de Bergondo se lle devolva a proximidade e accesibilidade á administración local que se lle quitou coa escusa da pandemia.