● O centro social A Rúa acolleu hoxe a presentación do material audiovisual e do cartel que se crearon para recuperar a súa figura e o legado que deixou en Miño.
● No acto participaron, ademais das persoas implicadas na investigación sobre María Vázquez e o traballo audiovisual realizado, algúns fillos e fillas de alumnos da profesora.
O centro social A Rúa acolleu hoxe a presentación da campaña realizada polo Concello de Miño para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller, e que vira ao redor da figura da mestra represaliada, e veciña de Miño, María Vázquez Suárez (Sober 1894 – Miño 1936).
O obxectivo do goberno local con esta iniciativa é, aproveitando a relevancia que ten unha data como o 8M, recuperar a figura e o legado que deixou en Miño a profesora. O traballo realizado recolle as memorias de fillos e fillas das alumnas de María Vázquez, que nas curtametraxes contan os recordos que lles transmitían os seus pais.
No acto deuse a coñecer o material audiovisual que conforma esta campaña xunto co cartel. Tanto os sete vídeos realizados como o cartel difundiranse a partir de mañá nas redes sociais do Concello de Miño. No caso das pezas audiovisuais hai un vídeo xeral sobre María Vázquez e seis pílulas, centradas en diferentes temáticas: María en Miño, as modernas (movemento de mulleres feministas da época), María feminista, María e a súa obra social, María como mestra e o retroceso na educación das mulleres que se produciu a partir de 1936.
No centro social A Rúa, que estivo moderado pola educadora familiar do Concello, estiveron presentes a profesora, investigadora e ensaísta da Universidade de Santiago de Compostela, Aurora Marco, que está a investigar sobre María Vázquez; as deseñadoras do cartel, as autoras do traballo de campo dos vídeos e algún dos fillos e fillas das alumnas de María, que participaron nos vídeos.
Ademais, dentro da programación de actividades polo 8M, o Concello vai regalar camisetas co debuxo do cartel a todos os nenos e nenas dos colexios do municipio, que traballaron sobre a figura da profesora homenaxeada desde o inicio do curso.
A figura de María Vázquez Suárez
María Vázquez era unha veciña de Miño e mestra republicana que calou en varias xeracións de miñenses, onde exerceu a docencia entre os anos 1929 e 1936. Era unha persoa comprometida cos ideais republicanos, feminista e defensora sen concesións do ensino laico, e ademais foi a primeira muller en falar en público en Miño.
Un dos aspectos aos que dedicou a súa vida foi o fomento da igualdade entre homes e mulleres. Foi unha desas mulleres que quixeron facer das escolas un trampolín para a emancipación. A súa historia non tivo un final feliz xa que o seu corpo continúa desaparecido e hai varias investigacións abertas sobre a súa figura e a súa traxectoria.