As clases serán no segundo trimestre do ano e haberá tres categorías: infantil, xuvenil e adultos
O Concello da Coruña, a través do Servizo Municipal de Deportes, abriu este mércores 1 de marzo o prazo de inscrición para os cursos de iniciación ao golf do segundo trimestre do ano, nos meses de abril, maio e xuño. O período de presentación de solicitudes estará aberto ata o 12 de marzo ás 23.59 horas.
Haberá tres grupos de idades diferenciados: infantil, de 6 a 11 anos; xuvenil, de 12 a 16 anos; e adultos, de 17 en adiante. Os cursos desenvolveranse no campo municipal de golf da Torre de Hércules desde o vindeiro 1 de abril, todos os días da semana agás os mércores, ata o 19 de xuño.
Ofértanse un total de 144 prazas entre os tres grupos. A de maior número de prazas é acategoría para adultos, por tratarse da máis demandada. A listaxe provisional de persoas admitidas farase pública o 14 de marzo na web municipal do servizo de Deportes e nos taboleiros de anuncios das instalacións deportivas municipais. A listaxe de adxudicatarios definitiva publicarase o 22 de marzo e a matrícula levarase a cabo no propio campo de golf da Torre do 23 ao 29 de marzo.