Friday 22 de November de 2024

A Xunta licitará nas vindeiras semanas o novo equipamento de teleasistencia avanzada, que contará cun investimento de 11,5 millóns de euros


Os beneficiarios do programa terán sensores de fume ou gas; un dispositivo móbil ou reloxo dixital, que permitirá ás familias ter un control a tempo real da súa xeolocalización; así como controis específicos para persoas con deterioro cognitivo

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que nas vindeiras semanas a Xunta de Galicia licitará por 11,5 millóns de euros o novo equipamento que actualizará o programa de teleasistencia, que permite que as persoas maiores poidan vivir nos seus fogares ao tempo que están seguras e atendidas.

Con este investimento poderase afianzar a modalidade avanzada da iniciativa a máis de 10.000 galegos. Polo tanto, o Goberno galego mellora este servizo e garante que os beneficiarios pasen dun botón universal a unha atención máis adaptada ás súas necesidades.

Deste xeito, o novo equipamento constará de sensores nos fogares que alerten do fume ou de posibles fugas de gas; dun dispositivo móbil ou reloxo dixital que permitirá ás familias ter un control a tempo real da xeolocalización do usuario; e con controis específicos para aquelas persoas con deterioro cognitivo que se poidan desorientar ou se afasten da zona delimitada como segura.

Ademais, neste proceso de mellora do programa, o pasado ano o Goberno galego renovou o deseño do servizo para facelo máis identificable por parte dos usuarios e ampliou a flota de vehículos que empregan os traballadores da teleasistencia.

Aposta pola tecnoloxía
A conselleira de Política Social e Xuventude subliñou a aposta da Administración autonómica polo uso da tecnoloxía para mellorar e garantir a atención a maiores. Neste sentido, recordou que a Xunta converterá en intelixentes todas as residencias de maiores públicas autonómicas.

Servizos para maiores
Así mesmo, Fabiola García recordou que desde a Xunta de Galicia se está a poñer á disposición das persoas maiores todas as facilidades e servizos para que poidan decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Desta maneira, o Goberno galego xa ten máis de 100 casas do maior en funcionamento; destina 112 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar; ten en marcha as unidades móbiles do programa de Coidados porta a porta, que xa atendeu a máis de 35.000 maiores; e a través do Xantar na casa leva máis de 14.000 menús semanais á casa de 2000 persoas.