Os traballos forman parte do plan municipal que se está a levar a cabo nos tres núcleos urbanos.
Continuando co plan de mellora da sinalización horizontal que o Concello está a desenvolver nas estradas municipais dos tres núcleos urbanos, nestes momentos estase a renovar a pintura de toda a praza Les Sables d’Olonne, situada xunto ao IES Agra de Leborís e a biblioteca da Laracha.
A intervención, que se prolongará ata a xornada de mañá, inclúe o remarcado de todas as prazas de estacionamento, tanto as dos turismos como as dos autobuses do transporte escolar. Tamén foi repintado o paso de peóns que cubre toda a fronte de acceso á praza en paralelo á rúa Manuel Murguía.
Con esta actuación o Concello pretende facer máis visibles as marcas viarias en todo ese ámbito, aumentando a seguridade dos vehículos e peóns e favorecendo a optimización dos espazos de aparcamento e un correcto uso dos mesmos.
Traballos de similares características foron executados recentemente en Paiosaco, facendo especial fincapé nos puntos de intersección entre dúas rúas coa finalidade de reforzar a seguridade viaria ao facilitarse para peóns e vehículos a percepción dos indicadores.
Este plan municipal terá continuidade posteriormente con intervencións noutros puntos da rede viaria que así o requiran.