Estes proxectos leváronse a cabo a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, achegouse ata Cariño para visitar, xunto ao seu alcalde, José Miguel Alonso, algunhas das actuacións que se están a levar a cabo no concello ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, que lle permite beneficiarse do canon eólico. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou a subtitución das luminarias nunha das rúas do municipio, así como a mellora do saneamiento e a adquisición dun novo vehículo para o parque móbil municipal cunha achega de 59.212 euros. Trátase dunha partida vinculada á liña non competitiva do programa, ao atoparse o territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico e estar afectado pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
Estes proxectos, que deberán estar executados antes do 15 de novembro, consisten, por unha banda, na limpeza da rede de saneamento, que inclúe os colectores e pozos, no denominado cruce de Balbís, co fin de evitar os atascos que estaban a producir desbordamentos na rede de sumidoiros e cheiros no casco urbano.
Do mesmo xeito, nestes momentos estanse a cambiar as lámpadas da rúa Urbanización dos Mariñeiros por outras de maior eficiencia enerxética, o que permitirá reducir o gasto enerxético e, en consecuencia, tamén a factura eléctrica do concello.
Por último, o goberno local decidiu utilizar parte da achega do Fondo de Compensación Ambiental para a adquisición dun vehículo híbrido destinado á realización de tarefas vinculadas ao medio ambiente. Polas súas características, o novo equipamento permitirá reducir o gasto de combustibles procedentes do petróleo e minimizar as emisións de gases contaminantes á atmósfera.
Neste senso, Do Campo recordou que o fondo de compensaciónreflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior como é o caso de Cariño e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.
Augas de Galicia inviste máis de 108.000 euros na limpeza de dous embalses
A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia en Cariño para desprazarse ata os embalses de Cabaneiro e Maciñeiras, que abastecen á poboación local, onde nestes momentos se está a proceder á súa limpeza. Os traballos consisten na retirada da vexetación e sedimentos destes encoros, o que tamén leva consigo o baleirado de ambos os dous, co fin de garantir o subministro de auga potable ao municipio. Para esta acutación, que deberá estar rematada a finais do mes que vén, Augas de Galicia destinou unha partida de máis de 108.000 euros.
Na mesma liña, o ente autonómico vén de realizar labores de mantemento na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Cariño coa reparación dos biofiltros encargados do proceso depurativo. Esta actuación, na que se investiu preto de 60.000 euros, foi acompañada da modificación do programa de lavado correspondente a esta fase, así como na instalación de elementos antivibratorios nas tubaxes de auga nos biofiltros e bombas de impulsión, co obxecto de evitar a propagación de danos na estrutura civil.