Saturday 16 de November de 2024

O Teatro Rosalía de Castro acolle a estrea de ‘Unha inimiga do pobo’, a última obra de Talía Teatro


O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, presentou a obra xunto aos integrantes da compañía Artur Trillo, Tito Asorey e Marta Lado

Haberá dúas funcións, este venres e sábado, ás 20.30 horas

O Teatro Rosalía de Castro acollerá este venres, 3 de marzo, a estrea absoluta da obra de teatro ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro. O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Turismo, Seguridade Cidadá e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, presidiu a presentación deste espectáculo xunto a Artur Trillo, actor e director de Talía Teatro, Tito Asorey, director da obra, Marta Lado, protagonista do espectáculo, Jacobo Sutil, director do Agadic, e Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro.
“É unha honra para a nosa cidade e para o Goberno de Inés Rey contar coa estrea absoluta desta obra de Talía Teatro, unha das compañías galegas máis recoñecidas, dentro da programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro”, sinalou Juan Ignacio Borrego.

‘Unha inimiga do pobo’ é unha adaptación contemporánea do texto de Henrik Ibsen que procura facer reflexionar ao público sobre os grandes problemas sociais da actualidade.
“Grazas ás propostas culturais que temos no Teatro Rosalía de Castro e no resto de espazos culturais da cidade, A Coruña é a cidade galega coa mellor calidade de oferta cultural”, apuntou Borrego. A obra terá dous pases, o venres e o sábado, ás 20.30 horas. As entradas, á venda desde 5 euros, xa se poden mercar a través de Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense ou no propio Teatro Rosalía de Castro o día da función.

Sinopse

Na obra ‘Unha inimiga do pobo’ Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á súa vila natal para comezar unha nova etapa xunto ao seu compañeiro. Embarazada de cinco meses, afronta o seu novo estado coa ilusión por un novo proxecto profesional co balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable.

A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte a intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade de toda a comunidade.