Saturday 23 de November de 2024

Alumnado do CEIP A Solaina visitou onte e hoxe o Concello e reuniuse coa alcaldesa no salón de plenos


Medio cento de alumnas e alumnos de sexto curso de educación primaria do colexio da Solaina desprazáronse nas xornadas de onte e hoxe ao Concello para participar no programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola. O citado programa inclúe a celebración, este mesmo venres, dun pleno escolar, actividade que se desenvolve cada ano con escolares da cidade.

Os menores, na súa estancia no salón de plenos, visionaron un vídeo sobre a cidade, o funcionamento da administración local, as parroquias e barrios de Narón, para posteriormente, trala chegada da alcaldesa, Marián Ferreiro, realizarlle algunhas preguntas. A súa traxectoria política, o que máis lle gusta do seu traballo e o que menos, a conciliación da vida laboral e familiar… foron algunhas das preguntas que realizaron.

Así mesmo, ante preguntas da rexedora local, explicáronlle que fan no seu tempo libre, que deportes practican e tamén se pronunciaron sobre a súa visión da cidade. Antes de abandonar o salón de plenos, o alumnado dos dous días, sacou unha fotografía de grupo para inmortalizar o momento. Levaron ademáis uns agasallos institucionais en agradecemento pola súa visita e percorreron outras dependencias municipais, como as da Policía local, antes de regresar de novo ás aulas.