Comparecencia Sánchez Bugallo: “Os deberes municipais están feitos. Respondemos á pandemia, apoiando ás persoas máis necesitadas, aos sectores económicos desfavorecidos, con programas de axudas que non teñen parangón en ningunha cidade de Galicia. Temos as menores cifras de paro das grandes cidades galegas e das últimas décadas, récord histórico de pasaxeiros no aeroporto e na estación de tren. A obra da EDAR está adxudicada, pendente de autorización medio ambiental; estase construíndo a nova estación de tren que culminará a Intermodal; A Sionlla era un deserto e agora ten auga, saneamento e electricidade; e a administración electrónica está en marcha”.
O pleno ordinario do Concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista. A continuación aprobáronse dúas declaracións institucionais. A primeira, recoñecendo o labor de servizo público da Polícia Local no seu 175 aniversario; e a segunda, demandando novos órganos xurisdicionais para a capital de Galicia.
O alcalde, no centro, con Mercedes Rosón e Mila Castro durante o minuto de silencio
Esta declaración destaca que “A correcta Administración de Xustiza é un dos piares esenciais dun Estado de Dereito, e iso esixe una dotación suficiente de órganos xurisdicionais que poidan afrontar con garantías de calidade e coa celeridade mínima esixible a resolución xudicial dos conflitos que a cidadanía formule en exercicio do seu dereito constitucional a unha tutela xudicial efectiva. Santiago de Compostela, capital de Galicia, ven padecendo historicamente unha insuficiencia de dotación de órganos xudiciais na práctica totalidade das ordes xudiciais. Hoxe tal infradotación resulta clamorosa e doente, dado o volume de servizos que a cidade, como cabeceira e referente dun partido xudicial tan amplo, présta e debe atender”. Por iso se solicita a creación dun xulgado específico de violencia contra a muller, un terceiro xulgdo do contencioso-administrativo, a creación dun xulgado de familia, e a creación dunha segunda Sección da Audiencia Provincial.
DI – Organos Xudiciais
A outra declaración institucional, acordada por todos o grupos, é unha, homenaxe e recoñecemento “ao extraordinario labor levado a cabo pola Policía Local de Santiago ao longo destes últimos 175 anos. Un labor comprometido coa defensa das liberdades democráticas, e co deber público, ao servizo dos composteláns e compostelás, e dos centos de miles de persoas que visitan a cidade cada ano”.
DI – 175 aniversario Policia Local
O punto dous da orde do día, a aprobación definitiva do “Estudo de detalle para a definición urbanística da dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na praza de Ultreia” saiu adiante por unanimidade. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que este documento “comprende as distintas actuacións de vivenda pública construídas na segunda metade do século pasado, que hoxe conforman o barrio de Ultreia”, así como “os terreos de contacto que resultan necesarios para garantir a axeitada conexión do ámbito cos barrios limítrofes en condicións de accesibilidade universal”.
As actuacións afectadas son as vivendas subvencionadas do padroado da Garda Civil proxectadas polo arquitecto Eduardo Baselga Neyra no ano 1969; as promovidas pola Entidade Construtora Benéfica Nosa Señora de Fátima segundo proxecto dos arquitectos Baltar e Bartolomé, tamén de ano 1969; e o conxunto de vivendas da Cooperativa Ultreia, con proxecto dos mesmos arquitectos, do ano 1970. En todos os casos, sinalou Rosón “tratase de edificios de vivenda colectiva de 4 ou 5 plantas que contan cun programa de vivenda mínimo e, como era o habitual nas actuacións de vivenda pública deses anos, carecen de ascensor. Como en case todos os ámbitos de características similares, resulta practicamente imposible colocar os ascensores no interior das edificacións (neste caso so é posible nos últimos bloques da actuación do padroado da Garda Civil); polo que é preciso dispoñelos ocupando espazo exterior, público ou privado”.
Este estudo, dialogado coa veciñanza, e aprobado inicialmente en agosto do 2021, define os espazos de ocupación exterior destes ascensores, e habilita para a ocupación de espazos de titularidade pública, cando resulta necesario. Tamén define as condicións estéticas que haberán de seguirse na súa execución. E a maiores, aborda as condicións urbanísticas que haberán de seguir as actuacións no espazo público, que inclúen a definición de rasantes e aliñacións para garantir percorridos accesibles; tanto dentro do ámbito como nos itinerarios principais que o conectan co resto da cidade.
Tamén saiu adiante o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por 38.784 euros para aprobar distintas facturas. E doutros dous suplementos de crédito, por importe total de 525.175,86 euros, para facer fronte á achega municipal correspondente ao ano 2023 de dous proxectos “vitais e esenciais para o noso Concello”, en palabras da concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal. Son a Plataforma Loxística de distribución de mercadorías no Casco Histórico; e os proxectos de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite. Votaron a favor o Grupo Socialista e o BNG. Os desmais grupos abstivéronse.
“A importancia de ambos modificativos é esencial para dar cumprimento a estes dous proxectos, asignaturas pendentes no noso concello que é preciso concluír canto antes e que están plenamente aliñados coa Estratexia de Mobilidade Segura, Sostible e Conectada 2030, de ámbito estatal”, sinalou Marta Abal, quen destacoum, na súa intervención, que este é “o goberno das persoas, o de maior investimento por habitante na historia deste Concello”.
“A construción da Plataforma Loxística de distribución de mercadorías no Casco Histórico, nun amplo espazo libre, adxacente, na súa parte sur, con MercaGalicia; permitirá, no marco da Estratexia de loxística urbana sostible de Santiago de Compostela, pór en marcha un novo modelo de distribución de mercadorías no noso concello, no marco do cal, os camións de reparto que antes accedían aos distintos negocios da zona vella depositarían a súa mercadoría nesta plataforma loxística. Alí xestionaríanse os horarios e traxectos óptimos para redistribuíla, practicamente á demanda, aos distintos negocios da cidade histórica, en vehículos de cero emisión e máis lixeiros”, explicou a concelleira. “A efectiva posta en marcha desta plataforma loxística marcará un antes e un despois no modelo de mobilidade do noso concello e será vital para mellorala conservación do noso patrimonio”
Mediante o proxecto de Rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite levarse a cabo unha reforma integral dos espazos co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética, sostibilidade e accesibilidade “o que en última instancia permitirá contar con edificios máis eficientes e de mellor calidade, nunhas instalacións que se viron deterioradas debido a un uso moi intenso ao longo dos últimos anos” indicou Marta Abal.
Ambos proxectos fináncianse mediante Fondos Next Generation da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia posto en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez.
O importe total do proxecto da Plataforma Loxística de distribución de mercadorías no Casco Histórico é de 5.262.048 euros, correspondendo 3.913.920,00 á Subvención da UE (a través do Plan de RTR) e 1.348.128,00 euros á achega municipal.
Pola súa banda o importe total do proxecto Rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite ascende a 4.301.180,12 euros correspondendo 3.319.426,96 á subvención da UE e 981.753,16 euros á achega municipal.
Proposicións
A continuación aprobouse unha proposición e dúas mocións sobre igualdade, relacionadas co 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, que se debateron conxuntamente. A primeira, unha proposición de CA, para a posta en marcha de políticas sociais e un protocolo contra as agrexisóns sexuais no ocio nocturno privado en Santiago.
A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, sinalou que desde o Goberno Municipal, “estase a traballar na redacción dun protocolo e unha guía que permita abordar calquera tipo de problema vinculado a agresións e acosos no ámbito da hostalería nocturna”, tanto as sufridas por mulleres, como por persoas LGTBI. “De tal xeito”, continuou, que o pasado dez de febreiro mantivemos unha xuntanza con representantes de todas as asociacións de hostalería de Compostela, a específica de ocio nocturno incluida, onde estaba presente tamén a subdelegación do Goberno. Estamos ante un documento imprescindible, nun proceso participativo, onde ademais dos representantes de hostalería estará a USC”, e outros colectivos implicados coa igualdade.
“Creo que existe unha sensibilidade por todas as partes que vai permitir que este documento tan necesario saia adiante. Un documento que leva asociada unha formación para a sensibilización e para a identificación dos casos que poderían ser obxecto dunha presunta denuncia por agresión de carácter sexual. É moi importante, dispor deste protocolo de actuación coordinado con todas aquelas instancias que deben intervir na investigación e na resolución de situación de presuntas agresións, tanto dirixidas a mulleres como a persoas LGTBI”, engadiu Rosón. “O obxectivo fundamental deste protocolo é converter toda a hostalería de Compostela en puntos lila, en espazos seguros”. Nesta proposta, tan só se abstivo o Grupo Popular.
As dúas mocións, a presentada polo BNG pra adoptar medidas para loitar contra a probreza feminina e reducir a precariedade laboral, así como fomentar a conciliación; e a do PP con motivo do 8M, aprobáronse por unanimidade.
A concelleira Mercedes Rosón recordou que “existe un compromiso total, por parte do concello de Santiago, a través da concellaría de Benestar Social, e tamén desde Igualdade, de xeito transversal, nesa loita contra a pobreza, buscando a redución da precariedade laboral, algo que nos preocupa, e moito. Como vostede ben recorda na súa exposición de motivos, incluimos nos pregos esas necesarias medidas de conciliación que estamos implementando en todos os contratos de servizos públicos”.
Rosón sinalou que “a pesar de que case todo o que se plantexa nestas propostas xa se está realizando, e que nalgunhas cuestións estamos avanzando moito e moi a présa, o lóxico sería absternos. Pero en aras da igualdade, e sobre todo en vésperas do 8 de Marzo, imos apoiar a proposición e as dúas mocións”
“Votaremos a favor”, engadiu, “pero teño que confesar que sorprende a laxitude coa que o PP se dirixe á Xunta de Galicia, sendo ela a que ten competencias en materia de educación e tamén en igualdade” A continuación reprochóulle ao PP a súa actitude e pouca coherencia en materia de igualdade “Nomean vostedes a Lei Ángeles Alvariño, pero hai poucos días non obstante no Parlamento votaron en contra dunha iniciativa socialista que formulaba desenvolver coa maior celeridade a Lei 13/2021 e facilitar asesoramento a todas as entidades e institucións do ámbito científico e investigador para asegurar o seu cumprimento. Votaron tamén en contra de elaborar unha estratexia urxente de fomento das vocacións tecnolóxicas entre as mulleres . E tamén votaron en contra de presentar no Parlamento de Galicia, neste período de sesións, un novo plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia que poña especial atención en rachar cos estereotipos de xénero”.
Na proposición para conectar o núcleo da Veiga no Eixo á rede de abastecemento de auga, o Grupo Socialista abstívose. Defendeuna a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro. Recordou que os proxectos de saneamento e abastecemento para o rural compostelán eran “actuacións recollidas no Plan de inversións, na proposta paralizada por vostedes no pleno do 12 de setembro de 2022, na que se someteu a votación a licitación do ciclo integral da auga”.
Mila Castro explicou que ademais da distancia das vivendas á rede de abastecemento, existen outros factores que cómpre ter en conta. “Cando se trata de tubeiras de abastecemento de auga, o caudal e a presión son fundamentais. A rede á que se refire é unha tubeira de polietileno de 63 mm de diámetro. Se fixeramos unha conexión directa a esta rede desas 20 vivendas, pode ser que teñan auga, pero terían moitos problemas de presión e de caudal; e non chegaría a auga nin as novas casas que se incorporaron á rede, nin ás que xa teñen auga”. A concelleira explicou que esa conexión require, segundo os informes técnicos, dunha tubeira de 200 mm de diámetro porque “non podemos aporveitar esa rede que xa existe. O que non se pode é soplar e sorber. Non se lle pode dicir aos veciños e veciñas que non hai ningún problema, e cando temos na man resolver o problema non so dos veciños da Veiga, se non de todos os veciños do rural, non o fagamos”.
Mila Castro lamentou eses catro anos de “obstaculización permanente da licitación do contrato da auga”, por parte da oposición. Reiterou que para o abastecemento e saneamento do rural, existe “un problema económico importante”. Farían falla, segundo adiantou, 3,7 millóns de euros para a parroquia de Marrozos e 2 millóns para a Veiga.
En resposta a Compostela Aberta, subliñou que “vostedes estiveron catro anos sen resolver o problema; e dous meses antes de rematar o mandato, un concelleiro asinou con esta mesma concesionaria unha prórroga por un ano”. “Nós”, engadiu, “tiñámolo todo feito, e isto paralizouse polos grupos da oposición. Este goberno tentou durante catro anos sacar esta licitación adiante e non foi posible. O 12 de setembro pasado, neste Salón de Plenos, houbo unha votación, e a oposición votou en contra.
O alcalde tamén interveu, confirmando que este bloqueo “foi unha decisión política”. Responsabilizou, sobre todo ao PP, que non ratificou o sistema de xestión indirecta, a pesares de ser o sistema polo que opta noutras administracións onde goberna.
Sánchez Bugallo lembrou que “no rural licitáronse e executaronse obras por un importe duns 9 millóns de euros, incluidas tamén actuacións de saneamento. Hai actuacións que se poden facer”, continuou, pero o algu custe e o rexeitamento en pleno da licitación do contrato da auga, impide “dar unha solución global ao problema”. En todo caso, o rexedor lembroulle aos grupos da oposicións, que podían incluir estas actuacións na negociación dos remanentes. “Nas negociacións orzamentarias anteriores, non me consta que esta proposta, de abastecemento da Veiga, estivese sobre a mesa”, indicou.
A proposición para buscar espazos alternativos para adestrar mentres duren as obras do complexo deportivo de Santa Isabel, foi aprobada pro unanimidadade. A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, sinalou que respecto desta actuación, “estamos nunha fase inicial que se ten que desenvolver. Nestes momentos o expediente está na denominada fase P2, na que se prepara a totalidade da documentación necesaria para o inicio da licitación da redacción e dirección facultativa do correspondente proxecto. No proxecto definiranse exactamente as obras a realizar”.
A continuación, ese proxecto debe saír a licitación, e unha vez se adxudique, comezarán as obras, algo que non sucedera, tal e como explicou o alcalde, ata o próximo ano, polo que queda marxe e tempo. Aínda así, desde o departamento de Deportes, segundo sinalou Esther Pedrosa, estase en permanente contacto cos clubes, e buscando distintas solucións, entre elas a utilización da pisicina da USC. “Lóxicamente, engadiu a concelleira, “ establecerase un plan de obra e un cronograma. A partir deste intre, poderanse tomar decisións relativas á procura de espazos alternativos, ampliación de horarios, ou a posibilidade de compatibilizar a obra con algunha das actividades”.
O último en intervir foi o alcalde, quen recordou que “aquí todo o mundo dá leccións, pero quen conseguiu os 3 millóns de euros para estas obras de reforma de Santa Isabel, que se financiará a través de fondos Next Generation, foi este Goberno”.
A proposición sobre o incremento de efectivo nos corpos de policía actuantes da cidade, votouse por puntos. Defendeuna a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación, e Modernización da Administración Local. Marta Abal reitero que “estamos a favor e apoiaremos todas as reclamacións que supoñan un maior número de efectivos en Santiago de Compostela tanto da policía local, como da policía nacional e autonómica”.
No primeiro punto, o Grupo Municipal Socialista abstívose. Sobre os mecanismos necesarios para prover á maior brevidade as prazas vacantes existentes no Corpo da Policía Local por xubilacións, Marta Abal recordoulle ao PP “que no é o Concello o competente na materia, senón que o é a Xunta de Galicia, en concreto a Academia Galega de Seguridade, en virtude do convenio de colaboración subscrito para tal fin”. A concelleira lembrou que “este Concello tense anticipado na elaboración das ofertas de emprego dos últimos anos, ás posibles xubilacións que se foran a producir en cada exercicio, incluíndo nas devanditas ofertas, prazas que aínda non estaban vacantes pero para as que se prevía a súa xubilación no mesmo ano. Isto, co ánimo de non dilatar innecesariamente a data de incorporación de efectivos, para os que está deseñado un proceso de selección complexo e longo (que é competencia da Xunta de Galicia). Proba disto é que os 12 efectivos incluídos na oferta de emprego do ano 2021, logo do proceso de selección que, mediante convenio, leva a cabo a Academia Galega de Seguridade, aínda tomaron posesión como funcionarios de carreira neste mes de febreiro do 2023. Entendemos, polo tanto, que debería ser o goberno da Comunidade Autónoma de Galicia quen establecera un proceso de selección máis áxil para que a cobertura das vacantes se producise no menor tempo posible”.
No segundo punto, o Grupo Municipal Socialista abstívose engadindo unha emenda de substitución para que a Comisaría de Santiago “teña o rango de Comisaría Superior”. Marta Abal argumentou que, “sen dúbida, estamos a favor, de que por parte do goberno do Estado se valore a creación en Santiago dunha Comisaría Superior, como existe noutra cidade que non é capital de provincia como Vigo. E votaremos a favor, porque somos leiais coas nosas veciñas e veciños. Porque non miramos a cor política do goberno de turno para defender os interese municipais como si parece fai o Partido Popular”
No punto terceiro, sobre instar ao Ministerio do Interior a convocar con urxencia un concurso específico de méritos, para dotar cun mínimo de 75 novos efectivos á Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma, o Grupo Municipal Socialista tamén se abstivo. Por último, votou a favor de traslaar o acordo ao Goberno e á Xunta, punto que foi aprobado por unanimidade.
Na última proposición debatida, de aprobación dun plan integral para o barrio de Sar e a Rúa dos Pexigos, o Grupo Socialista abstívose. O concelleiro de Barrios e Obras, Gonzalo Muíños, calculou que executar ese plan integral tería un custe duns 10 millóns de euros. Muíños destacou os compromisos máis inmediatos do Goberno Municipal para o barrio, xa explicados e acordados coa veciñanza: a segunda fase de Castrón Douro, cun investimento de máis de 800.000 euros; e un parque multixeracional, que executaría Parques e Xardíns, e que tería un custe superior aos 150.000 euros. Tamén lembrou o concelleiro as obras executadas na contorna, a primeira fase de Castrón Douro herdada do anterior mandato e a rúa do Pisón.
Comparecencia de Sánchez Bugallo
Na súa comparecencia, o alcalde lembrou que “este foi un mandato atípico por partida dobre, cunha pandemia de 2020 a 2022, con dous Anos Santos. É a primeira vez na historia que tivemos estas condicións”. Recordou que “desde o primeiro momento, cando xurde unha pandemia deste tipo, hai que adaptar a folla de ruta para facer fronte o problema. E desde o Goberno Municipal, fíxose así con tres obxectivos claros: apoio ás persoas máis necesitadas; apoio aos sectores económicos afectados; e mantemento dos servizos públicos.
Sánchez Bugallo recordou tamén forman parte do programa electoral, aprobado por unanimidade en pleno o 29 de xullo: os acordos do Foro Cívico, con eses cinco eixos de desenvolvemento. “Falabamos de industrialización. A Sionlla era un deserto sen auga, sen corriente e sen saneamento. E iso resolveuse. E hoxe o problema que hai e que queda pequeno”, Sobre a estación intermodal, lembrou que está en construción, e que o Orbital, o Orbitaliño e a A-54 están desbloqueados. Polo que respecta á EDAR a obra está adxudicada “en 67 millóns de euros”, sinalou, e “pendente de autorización medioambiental. En canto á reforma da administración local, “a administración electrónica é unha realidade”, aínda, engadiu, “que nos queda camiño por percorrer”.
Tratáse, engadiu, dun goberno que traballar por e para as persoas. “En relación ao Servizo de Axuda no Fogar, cando chegamos ao goberno atendía a 302 persoas e había 200 en listas de agarda. Hoxe aténdense 700 persoas. A lista de espera resólvese de semana a semana e non de trimestre en trimestre cando vostedes estaban gobernando”, en referencia a Compostela Aberta. Tamén destacou o rexedor a cantidade de persoal que emprega: “198 traballadoras e traballadores. O servizo máis amplo do concello”. Unha proba, dixo, do esforzo que se fixo neste eido.
Recordou tamén, que “ninguén quedou sen beca neste curso; nin de comedor, nin de material escolar, nin de actividades extraescolares. Suplementouse unha partida en 123.000 euros para que ninguén quedara fora”, subliñou.
Respecto das infraestructuras deportivas, lembrou o compromiso da piscina cuberta do Sar, “que xa se fixo”, así como a remodelación de distintas instalacións, e a reforma do pavillón de Santa Isabel e do pavillón de Vite, con cargo aos fondos Next Generation, cun investimento conxunto duns 7 milóns de euros.
En canto a seguridade, lembrou que hai 140 policías “máis dos que había cando entramos”. E lembrou que por primeira vez se dera un cambio de tendencia. “Se miran os datos 2011 a 2019, cada ano había menos polícias. Primeira vez se invertiu esta tendencia”. En canto ao parque de bombeiros, hai acordo co persoal e as partes implicads, “un importante nivel de consenso”. Tamén lembrou que está aprobado o “V Plan de Igualdade”, pola que se vai seguir apostando.
Recordou tamén que “Santiago ten os mellores datos de emprego das grandes cidades galegas. Ten menos parados que en 2008, ano de bonanza eocnómica”. Neste momento hai, sinaloa, uns 4.500 parados. “E os mellores datos de poboación empregada: 67.000 persoas. Tamén lembrou que Compostela é o mellor destino turístico de España; e que a ocupación hoteleiro incrementouse un 22%.
Sobre a humanización do Restollal, o alcalde lembrou que foi necesario financiala con fondos Europeos (uns 6 milóns de euros), pero que xa está en marcha o proxecto. Sobre a área deportiva de Santa Marta, anunciou que irá próximamente a Xunta de Goberno para a aprobación do proxecto, necesario para a posterior convocatoria da actuación.
O alcalde tamén lle lembrou á oposición que o Consello de Relacións Veciñais, “reuniuse bastante máis vecees que nos mandatos anteriores, igual que o Consello Económico e Social”. En canto ás críticas de falta de diálogo coa veciñanza, o alcalde lembrou que durante o mandato tivo 113 reujnións con asociacións veciñais.
Na segunda quenda, o alcalde respondeu á oposición. En concreto, preguntou onde estaba o convenio asinado por CA e o Ministerio dde Medio Ambiente para a financiación da EDAR. “En 2011, cando deixei a alcaldía había un proxecto”. Lembrou que nós, en vez de “tomar a proposta que había sobre a mesa e tirar con ela”, “partimos do que había e buscamos financiación, 36 millóns de euros de fondos europeos”, para a construcción da EDAR que ten un custe cercano os 60 millóns de euros.
Sobre a Intermodal, hai, recordou, “había un convenio” asinado polo goberno de Compostela Aberta, “que fala de que ata que haxa 3,5 millóns de viaxeiros non se fai a terminal de viaxeiros. Hoxe está en construción. E a intermodal non é so a estación de autobuses, é todo”.
Sánchez Bugallo lembroulle ao portavoz do PP que foi este partido o que “trouxo aquí o acordo dicindo que o pleno quería determinar o sistema de xestión”. E “dixeron que non” a xestión indirecta, pese a ser a súa posición ideolóxica, “nunha estatexia puramente obstrucionista”.
Polo que respecta o Peleteiro, reprochoulle ao PP a súa proposta de mercalo, sabendo que “é unha irrealidade”. “Forma parte dunha pura estratexia de paralizar os temas. Ningún cre que esa sea a estratexia do PP. Igual que cando fala de aparcamentos públicos. No programa electoral non hai nada de aparcamentos públicos no campus”.
O alcalde rematou sinalando que “os deberes municipais están feitos. Conclusión: respondemos á pandemia, apoiando aos máis necesitados, aos sectores económicios desfavorecidos, con programas de apoio que non teñen parangón en ningunha cidade de Galicia. Máis de 500 comercios e máis de 500 locais de hostalería recibiron axudas” directas, ás que hai que engadir, os Bonos Corazón”. Un apoio, continuou, “recoñecido e que ten moito que ver coas cifras de emprego. Temos unha poboación empregada emprega maioritariamente feminina, a única das sete cidades galegas. O paro tamén é maioritariamente feminino. O paro masculino non chega o 10%”. Pero, enadiu, queda moito por facer para reducir a cifra actual de 4.500 persoas desempregadas. E”n ningún mandato de vostedes houbo 4.500 parados”, engadiu.
En materia de turismo, lembrou o record histórico de pasaxeiros no aeroporto e na estación de tren. O aumento de ingresos nun sector, continuos, no que aumentou o “turismo de calidade” e a ocupación hoteleira “a pesar das vivendas de uso turístico”. Non se esqueceu tampouco do solo industrial, con “máis de 300 millóns de euros en investimentos, tanto do Estado, como da Xunta, como de fondos europeos. Non ten nada que ver este balance co dos dous gobiernos anteriores”, finalizou.
Mocións
A primeira moción debatida, para a redacción urxente dun “Plan estratéxico da cultura”, contou co voto a favor do Grupo Municipal Socialista. A concelleira de Cultura, sinalou que é necesaria a realización deste plan. Recordou que a intención do Goberno Municipal era telo iniciado na primeira metade do mandato, “pero as circunstancias provocaron que tiveramos que atender as cuestións urxentes e inmediatas que foron ben complicadas. E penso que, na área de cultura, fomos dos máis áxiles do país en responder”. “A realización dun Plan Estratéxico é un proceso de reflexión colectiva sobre o funcionamento e os obxectivos dunha entidade. Cremos que as entidades públicas teñen que adoptar modelos de xestión eficientes e eficaces, que permitan que a cidadanía que a sostén estea informada dos resultados desas xestións. Trátase de incorporar na xestión a planificación estratéxica e a avaliación. Unha perspectiva explorada pola nova xestión pública e que ten referentes de éxito aplicados á xestión de centros e contextos culturais”, sinalou Mercedes Rosón.
A seguinte moción, para instar á Xunta a adquirir os edificios de Ciencias da Educación e Efermaría para destinalos á Escola Oficial de Idiomas, votouse por puntos. No punto un, de cambio de usos da parcela, e no número 3 de instar á dministración autonómica a mercar estes inmboles, o Grupo Municipal Socialisa abstívose. No punto 2, de catalogar e protexer os edificios, ou cando menos as fachadas que actualmente acollen estas dúas facultades votouse a favor.