Unha vez estean dados de alta, os establecementos participantes deberán descargar unha app móbil subministrada polo Concello, que permitirá rexistrar as vendas aboadas cos bonos e tamén dispor dun seguimento, en tempo real, dos bonos trocados
Os particulares poderán canxealos desde o 15 de marzo para obter descontos do 50 % nas compras no sector da cultura
O Concello da Coruña abre mañá, mércores 1 de marzo, o prazo para que os establecementos que ofrezan bens ou servizos culturais poidan adherirse ao programa do Bono Cultura 2023, presentado a semana pasada pola alcaldesa, Inés Rey. O prazo de solicitude estará aberto do 1 ao 31 de marzo.
A través desta iniciativa, dotada cun orzamento de 260.000 euros para o total da convocatoria, o Concello busca dinamizar e apoiar o sector cultural coruñés, incentivando a compra de produtos ou servizos culturais por parte da cidadanía. Ademais, co obxectivo específico de estar a carón do pequeno comercio e dos autónomos.
O Bono Cultura 2023 suporá un desconto do 50 % do valor económico dos bens, produtos e servizos culturais que merquen as persoas usuarias, sempre e cando sexa nos establecementos ou empresas prestadoras de servizos que estean adheridas a esta campaña.
Unha vez estean dados de alta, os establecementos participantes deberán descargar unha app móbil subministrada polo Concello, que permitirá rexistrar as vendas aboadas cos bonos e tamén dispor dun seguimento, en tempo real, dos bonos trocados.
As bases da convocatoria fixan un límite de 5.000 euros por establecemento ou fornecedor de servizos culturais.
Os dous tipos do Bono Cultura 2023
O Bono Cultura 2023 abrangue dúas categorías. Haberá, en primeiro lugar, un bono dirixido á matrícula ou inscrición en obradoiros, cursos ou actividades culturais. Por exemplo, para formar parte en iniciativas asociadas á danza, a música, o teatro e as artes plásticas. Este bono, que se pon en marcha por primeira vez na cidade, está dotado con 200 euros por persoa usuaria, subvencionando un 50 % do gasto no sector cultural para transaccións de, como mínimo, 50 euros.
O segundo bono en cuestión está dirixido á compra de produtos e outro tipo de servizos culturais. Por exemplo, para asistir a espectáculos en vivo, de carácter teatral ou musical, e tamén para mercar libros. Cada particular contará con 60 euros cos que poderá sufragar o 50 % das compras, cun gasto mínimo de 10 euros.
Os usuarios deberán escoller entre os dous tipos de bonos, pois cada persoa só poderá empregar un bono.
A quen vai dirixido o Bono Cultura 2023?
As persoas usuarias do Bono Cultura deberán ser, obrigatoriamente, maiores de 14 anos.
Con todo, terase en conta que se poidan mercar bens, produtos ou servizos destinados a persoas de calquera idade. Por exemplo, no referente á inscrición en obradoiros ou actividades culturais.
No caso dos bens ou servizos que vaian aproveitar as persoas menores de 14 anos, o bono debe descargalo e utilizalo o pai, nai ou titor legal.
Neste sentido, cada persoa usuaria do Bono Cultura 2023 soamente poderá descargar un tipo de bono. É dicir, terá que escoller unha das dúas categorías mencionadas previamente.
Cando poderán obterse os bonos?
As persoas interesadas en obter os bonos poderán descargalos e comezar a trocalos desde o día 15 de marzo e ata o 31 de decembro de 2023, ou ben ata que se esgote o orzamento destinado para esta campaña.
O bono en cuestión, unha vez descargado, terá unha caducidade de dous meses, ou ben ata que se esgote o crédito dispoñible do Bono Cultura.
Os bonos descargados serán persoais e de carácter intransferible. A descarga do bono non supón unha reserva da cantidade asignada por persoa. Os usuarios poderán empregar os bonos ata esgotar o orzamento, polo tanto quen non teña empregado os seus bonos unha vez esgotados os 260.000 euros, xa non poderá facelo. O obxectivo é incentivar as compras no comercio local no momento actual.
Onde se poderán descargar os bonos?
A descarga dos bonos por parte das persoas usuarias estará habilitada a partir do día 15 de marzo a través da web de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coas entidades participantes.
O bono en cuestión terá formato dixital, cun código QR, e estará dispoñible para o seu uso por medio de aplicacións móbiles de descarga gratuíta.
Cada persoa usuaria do bono poderá facer sucesivos consumos de produtos, bens e servizos culturais ata chegar a consumir a totalidade do Bono Cultura descargado.