TEATRO COMO FERRAMENTA DE APRENDIZAXE, DE INTERCAMBIO E DE SOLIDARIEDADE
Presentouse esta mañá ás 11:00 horas no Salón de plenos do Concello de Touro o XIV FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE TOURO que se celebrará o sábado, 4 de marzo, na aldea de Novefontes e na Casa de cultura desta localidade.
Este evento está organizado pola ANPA do CPI Fonte Díaz de Touro e conta coa colaboración do Concello de Touro, A Asociación Cultural APinguela de Bama, a Banda de Música Isabel II de Touro e o grupo As Catro D’Andrea. Na presentación participaron o Alcalde desta vila, Ignacio Codesido Barreiro; a concelleira de Cultura, Educación e Deporte Adela Iglesias Tojo; a representante da directiva de A Pinguela de Bama, María Guadalupe Penas González; o Presidente da Banda de Música, ManuelRodríguez Calvo; a Técnica de Cultura, Cristina Andújar Garrido; alumnado de Educación Secundaria que protagoniza o roteiro e a actuación e o director de teatro Afonso García Penas.
Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de catroAulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Compostela, Palas de Rei e Teo). O programa deste Festival é o seguinte:
Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na aldea de Novefontes, que estará protagonizado por alumnado familias e profesorado do CPI Fonte Díaz de Touro, polas Asociacións A Pinguela de Bama e As Catro D’Andrea.
Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon. O punto de partida será a igrexa de Novefontes e transcurrirá a carón do castro e a través das rutas de sendeirismo que transitan esta zona.
Ás 18:30 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei,
A Aula de Teatro do IES de Cacheiras, de Teo e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo AS MALETAS DOS CONTOS VIAXEIROS.
As maletas dos contos viaxeiros presenta, desde unha perspectiva dinámica, cómica e pedagóxica, diversas historias que invitan á reflexión sobre valores como a IGUALDADE, a cultura da paz, o respecto ao medioambiente, a solidariedade, a integración… Trátase dun espectáculo que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a humildade, o respecto…
Este traballo amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de seres humanos libres e pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren. Sobre o escenario uns personaxes disparatados protagonizarán historias que foron relatadas polas nosas avoas e que propiciarán que o público transite por unha fervenza de emocións. Arriba o pano!!!
Como preludio a este espectáculo actuará a BANDA DE MÚSICA ISABEL II, de Touro ás 18:30 na Casa de Cultura.
Este Festival permite que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2022/23 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezará o día 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Compostela, Cacheiras, Alcalá de Henares, Argamasilla de
Alba, San Clemente, Tabernas (Almería) e Granada.