Friday 22 de November de 2024

O Concello destinará 200.000 euros ao plan de apoio ás entidades musicais da cidade, o investimento máis alto na historia do programa


No ano 2022, e a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), realizáronse 114 contratacións artísticas entre un total de 33 entidades e agrupacións musicais da Coruña

O Concello da Coruña aumentará o investimento destinado ao Plan de apoio ás entidades musicais locais para o ano 2023. O crédito no ano 2023 será de 200.000 euros, o máis alto da historia deste programa. Desta forma, reforzaranse as contratacións artísticas das agrupacións musicais tradicionais na cidade.

O Plan de apoio ás entidades musicais da cidade está promovido polo Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), e ten como principal finalidade planificar e executar a celebración de concertos durante todo o ano mediante a contratación das entidades musicais con máis arraigo na cidade.

No ano 2022 realizáronse 114 contratacións artísticas entre un total de 33 entidades e agrupacións musicais da Coruña: dende Cántigas da Terra á Coral Polifónica El Eco, pasando pola Orquestra Gaos, Donaire, a Asociación Cultural Xacarandaina, Son D’Aquí, os Pandereteiros Sen Fronteiras e a Cuarentuna de Veteranos.

Todas estas entidades son demandadas cada ano pola veciñanza para a súa participación nas festas dos diferentes barrios da cidade. Ademais, moitas delas forman parte da tradicional Romaría de Santa Margarita que se organiza cada ano no mes de agosto, no contexto do programa municipal das Festas de María Pita.

No ano 2023, o incremento do crédito destinado a este programa vai permitir realizar máis contratacións artísticas, no só ao aire libre e nas festas tradicionais, senón tamén mediante a creación dun ciclo de concertos propio en recintos pechados, de tal forma que se poida desfrutar de este tipo de música durante todo o ano.