Friday 22 de November de 2024

Cabanas a viabilidade de implantar un servizo de transporte público municipal


O Concello fai un chamamento á veciñanza para colaborar no estudo cubrindo unha enquisa de usos

A área de promoción económica do Concello de Cabanas está a elaborar un estudo de necesidades e viabilidade de cara á creación dun servizo de transporte público municipal. A finalidade deste estudo é conseguir os datos que permitan avaliar de forma obxectiva a viabilidade deste servizo.

Desde o Concello búscase coñecer as necesidades de transporte da veciñanza, os hábitos de desprazamento diarios actuais (en calquera medio de transporte, tanto dentro do propio concello como a outros da contorna, e tanto as que se fagan por motivo das actividades diarias como traballo, estudos, ou compras, como no tempo de lecer), e o interese e a vontade que tería a veciñanza en poder empregar este servizo de transporte público.

Con estes datos, o Concello poderá realizar as análises necesarias para poder valorar de maneira obxectiva a capacidade dun transporte municipal a demanda (sen servizos regulares fixos, senón reservando cada viaxe) como opción para resolver as necesidades de transporte diarias da veciñanza, así como atopar o mellor deseño posíbel para este servizo que faga viábel a súa implantación.

“Un servizo de transporte público municipal ten a potencialidade de mellorar a conectividade no concello, facilitando o acceso da veciñanza aos diferentes servizos e reducindo as barreiras que impiden o seu uso nun territorio disperso coma o noso”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de promoción económica, Iago Varela. “É unha oportunidade para conseguir unha mellor calidade de vida para toda a poboación, ao tempo que promovemos a inclusión social e contribuímos ao cumprimento dos obxectivos medioambientais do concello”.

O Concello solicita a colaboración da veciñanza para que achegue información e opinións que son fundamentais á hora de elaborar o estudo. Con este fin, estase a levar a cabo unha enquisa que estará aberta até o 12 de marzo, accesible desde https://i.gal/enquisatransporte