Friday 22 de November de 2024

Do 1 ao 15 de marzo permanecerá aberto o período de reserva de praza na escola infantil municipal de San Sadurniño


O prazo para novas incorporacións abrirá o día 16

 

Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada para o curso 2023/2024. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro. Para as novas incorporacións abrirase un segundo período de solicitude desde o 16 ata o 31 de marzo. En ambos casos o trámite poderá facerse de maneira presencial ou, preferentemente, a través da Sede Electrónica municipal. Os formularios de solicitude poden recollerse na propia escola, situada no edificio anexo ao Concello, onde tamén amplían información sobre o servizo e onde se pode verificar a documentación antes de presentala.

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.

A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.

O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, tres opcións: xornada completa, media xornada de mañá (9:00 a 13:00h) ou media xornada de tarde (15:00 a 19:00h). Ás familias que precisen horas a maiores -sen superar as oito-, que deberán sinalarse nas solicitudes ou en calquera momento ao longo do curso, computaráselles como xornada completa. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.

O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Neste sentido, e en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que o servizo sexa realmente de balde para as familias.

Durante o presente curso hai 27 crianzas matriculadas, 5 na unidade inicial, 11 na de un a dous anos e outras 11 na unidade de dous a tres. Tomando como referencia as matrículas actuais (sempre e cando se produzan as reservas que se agardan) no curso 2023-24 habería 8 prazas dispoñibles na unidade de 0-1 ano, 8 na de 1-2 anos e 6 na de 2-3.

En calquera caso, para coñecer o número definitivo de vacantes cumprirá agardar a que finalice o período de reserva de prazas que permanecerá aberto entre o 1 e o 15 de marzo. Posteriormente, do 16 ao 31, abrirá o prazo de solicitude de novas incorporacións.

A documentación que se deberá presentar pode recollerse na EIM A Rolada. Na escola tamén se poderá verificar que non falta ningún papel antes de rexistralo no Concello, xa sexa presencialmente ou a través da Sede electrónica, onde tamén estará habilitado desde o primeiro de marzo o correspondente procedemento en liña.