Durante o encontro, Nava Castro destacou o importante papel da actividade investigadora na promoción e difusión do fenómeno xacobeo e na súa conservación para as xeracións futuras
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro en Compostela co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago para presentarlles o Plan Director e Estratéxico da Ruta Xacobea.
Durante o mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou o importante papel da actividade investigadora na promoción e difusión do fenómeno xacobeo e, sobre todo, na súa conservación para as xeracións futuras.
Así mesmo, recalcou a importancia do traballo científico destacando a súa inclusión no Plan Director do Camiño de Santiago.
Nava Castro explicou que o Plan constitúe un documento clave do desenvolvemento turístico que inclúe especificidades para cada unha das rutas e atende ao redimensionamento do Camiño de Santiago como fenómeno supranacional.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que o Plan dedica unha das súas oito liñas estratéxicas á investigación, comunicación e divulgación do Camiño e da Cultura Xacobea.
Neste senso, Nava Castro explicou que esta folla de ruta, que marca as directrices para a conservación e potenciación do Camiño de cara ao próximo Ano Santo 2021, establece plans de acción enfocados ao fomento do estudo e a investigación da Cultura Xacobea, así como a súa divulgación entre todos os públicos.
A directora de Turismo de Galicia aproveitou, así mesmo, o encontro para trasladarlles o recoñecemento e agradecemento da Xunta de Galicia aos membros do Comité pola súa “inmensa labor de asesoramento, difusión e promoción do Camiño de Santiago”.
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago naceu en 1992 da necesidade de asesorar no campo científico e cultural á Administración Autonómica de cara ao Ano Santo de 1993. O criterio fundamental foi o de elixir entre os investigadores máis coñecidos internacionalmente en temática compostelana, algúns deles estreitamente ligados ao mundo xacobeo das asociacións de peregrinos.
A Función esencial do Comité é o de asesorar á Xunta de Galicia sobre todos os temas relacionados co Camiño de Santiago: itinerarios, publicacións, centros de estudos, congresos, exposicións, revistas, etc.
Entre as actividades realizadas polo Comité durante estes anos destaca a edición de decenas de publicación científicas, a dirección e organización de congresos internacionais ou a creación de novos proxectos e liñas de investigación que se adaptan ás novas tecnoloxías, entre outras.
Así mesmo, o Comité edita a revista de investigación xacobea, Ad Liminia, con carácter multidisciplinar e multilingüe e realizan traballos de producción de coñecemento e promoción cultural de máximo nivel nos seus respectivos países, difundindo publicacións científicas e dirixindo teses, revistas e investigacións sobre o fenómeno xacobeo no seu territorio e idioma, ademais de crear e manter centros de estudos xacobeos no estranxeiro.
Clausura IX Congreso Internacional de Estudos Xacobeos
Por outra parte, no día de hoxe foi clausurado o o IX Congreso Internacional de Estudos Xacobeos “María e Iacobus no Camiño Xacobeo”, que celebrouse dende o pasado mércores no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela
O Congreso contou coa participación de representantes de numerosas universidades internacionais reunindo na meta do Camiño de Santiago a numerosos expertos internacionais que afondaron nos múltiples e diversos lazos existentes entre o culto mariano e o culto a Santiago ao longo da historia.
O encontro internacional evidenciou a gran extensión do culto xacobeo en Europa e América e consolidou Santiago de Compostela como capital mundial do turismo de peregrinacións.