Saturday 16 de November de 2024

Sogama licita por máis de 3,5 M€ o acondicionamento e instalación de paneis fotovoltaicos no almacén de combustible do Complexo de Cerceda


— O contrato contempla a xestión integral de todo o proceso, desde a elaboración do proxecto de execución ata a posta en marcha da nova infraestrutura fotovoltaica

— Cómpre subliñar que a enerxía que se obteña irá destinada a autoconsumo da planta de Sogama, reforzando así a aposta da empresa pública polas enerxías renovables

Sogama remodelará integramente o tellado da nave de CDR (Combustible Derivado dos Residuos non reciclables) localizada no complexo medioambiental de Cerceda a fin de instalar no mesmo paneis fotovoltaicos e reforzar así a aposta da empresa pública por incorporar aos seus procesos as enerxías renovables.

Con este obxectivo, Sogama acaba de licitar hoxe, por un importe de 3.769.920 euros, IVE incluído, o contrato para a subministración, montaxe e posta en marcha dos devanditos paneis fotovoltaicos, incluíndo todas as accións que sexa necesario acometer. Neste sentido, inclúe desde a elaboración do proxecto de execución e correspondente cálculo de estruturas, ata a posta en marcha da instalación, que se configurará na modalidade de subministración para autoconsumo xa que o complexo cercedense dispón de suficientes consumidores como para absorber o total da enerxía xerada.

En canto á nave obxecto da actuación, trátase dunha estrutura de planta rectangular, cuberta a dúas augas e cunhas dimensións aproximadas de 212 x 42 metros destinada a almacenar o combustible derivado dos residuos non reciclables e preparada para alimentar as caldeiras da planta termoeléctrica, na que se xera enerxía suficiente como para abastecer ao 12% dos fogares galegos.

Na cuberta da nave prevense dous campos fotovoltaicos distintos divididos por zonas e orientación da cuberta. Os módulos, que en todo caso deben ser de alta eficiencia e dispoñer de certificado de calidade, serán instalados coa inclinación de cada unha das augas, de tal forma que se adapten completamente á súa xeometría e non orixinen sombras entre elas.

A conversión entre a corrente continua xerada polos paneis á corrente alterna con tensión adecuada para a súa conexión á rede de distribución do complexo, realizarase mediante unha serie de inversores distribuídos pola planta, de tal forma que se minimicen os percorridos de cableado de corrente continua.

O prazo de execución establecido no propio contrato é dun máximo de 30 semanas e dun mínimo de 20.

Por último, cómpre lembrar que tomando como referencia o Pacto Verde Europeo, cuxo obxectivo é situar á UE no camiño cara a unha transición ecolóxica que permita alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050, Sogama traballa desde hai tempo, máis aló da súa actividade ambiental na xestión sostible dos residuos municipais, por incorporar as enerxías renovables aos seus procesos, apostando de cheo pola fotovoltaica.