O concello de Culleredo acaba de aprobar os orzamentos para 2023 e destaca que a partida para obras públicas increméntase no dobre que o ano pasado. Alternativa dos Veciños de Culleredo quere resaltar que o que fai o goberno non é aumentar o investimento de obra pública, dado que está a recoller as obras que estaban previstas no 2022 e que non foron contratadas. Entre outras, a rexeneración dunha nave da Cros ou a reparación do Parque das Brañas en Fonteculler, que xa se recollía nos orzamentos anteriores e nunca se contratou -aínda está tirada a infraestrutura alí no parque-.
Máis escandalosa é a partida para acabar de pagarlle á empresa que ten contratada a elaboración do Plan Xeral, desde 2013 e sen entregarlle desde o ano 2018.
Había que aprobar o orzamento nos prazos que marca a lei, antes do 31 de decembro, e a aprobación definitiva do mesmo non rexerá ata pasado o verán, polo que todo canto se aproba agora, non se poderá contratar neste ano. É lamentable que dispoñendo de maioría absoluta suceda isto.