— A Xunta colabora co certame, organizado polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña
— Resultan galardoados o CPI O Cruce (Cerceda), o IES Perdouro (Burela), o colexio Peleteiro (Santiago de Compostela) e o colexio CEIP Isidro Parga Pondal (Oleiros)
— O Goberno galego aposta pola formación de docentes e estudantes nestes coñecementos para unha mellor e máis rápida reacción en situacións de emerxencia
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, participou esta mañá na entrega dos premios do 1º Concurso escolar sobre reanimación cardiopulmonar, organizado polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña co apoio da Xunta de Galicia.
No transcurso do acto, o representante da Xunta gabou a calidade dos proxectos premiados e a variedade de formatos empregados por alumnos e profesores para promover as técnicas de resucitación. “O Goberno galego leva anos apostando pola formación de docentes e estudantes nesta materia, facilitándolles unhas nocións moi valiosas para salvar vidas nunha determinada situación de emerxencia”, destacou.
Os centros premiados son o Centro Público Integrado CPI O Cruce (Cerceda), o instituto IES Perdouro (Burela), o colexio Peleteiro (Santiago de Compostela) e o colexio CEIP Isidro Parga Pondal (Oleiros).
Proxectos recoñecidos
No caso do CPI O Cruce, alumnos de 3º ESO resultaron galardoados polos bonecos para adestrar as manobras da reanimación cardiopulmonar que realizaron de maneira sinxela e empregando materiais de refugallo, ademais dos vídeos explicativo-didácticos que os acompañan. O xurado valorou o seu potencial uso en todos os centros educativos e o compromiso do proxecto cos valores de respecto ao mediambiente e sostibilidade.
O proxecto premiado no IES Perdouro foi o cartel Dá Vida, dun grupo de alumnado de 4º ESO, que explica os distintos aspectos da reanimación cardiopulmonar e ao que se lle deu difusión tanto nas diferentes aulas do instituto como na radio de Burela. O xurado valorou o esforzo de información e concienciación, non só no propio centro educativo senón tamén á comunidade local.
Pola súa parte, estudantes de 4º de ESO do Colexio Peleteiro, que elaboraron diferentes materiais promocionais, recibiron o recoñecemento do xurado pola súa implicación no concurso e na difusión da reanimación cardiopulmonar.
O grupo de 6º Primaria do CEIP Isidro Parga Pondal realizou, pola súa banda, un material web interactivo baseado en vídeos nos que o propio alumnado amosa como actuar diante dunha parada cardiorrespiratoria dun docente no patio do centro escolar. O premio recoñece o valor do material para concienciar ao alumnado máis novo sobre a importancia de saber actuar neste tipo de situacións.
Fomento dos coñecementos en RCP
O certame dirixiuse ao alumnado de Educación Primaria, Secundaria, FP e ás anpas dos centros educativos de Galicia, co obxectivo de impulsar a formación dos alumnos destas etapas sobre os coñecementos de reanimación cardiopulmonar básica e sobre as decisións máis adecuadas diante dunha parada cardíaca, en función da súa idade
A participación organizouse por etapas educativas e por aulas. Cada un dos equipos participantes presentou un proxecto con actividades de fomento do coñecemento das pautas para realizar as manobras de resucitación cardiopulmonar dentro da súa contorna, en diferentes soportes: cartel, infografía, peza audiovisual, conto, mural… Cada aula premiada recibiu como agasallo un curso de alimentación cardiosaudable e un xogo de mesa sobre reanimación cardiopulmonar e emerxencias.