O vindeiro mércores día 1, ás 23.30 horas, rematará o prazo de inscrición na segunda edición da “Carreira e Andaina pola Igualdade” organizada polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller. Na actualidade están apuntadas preto de 400 persoas, podendo anotarse aquelas que o desexen a través da páxina www.carreirasgalegas.com. Para calquera das modalidades elixidas, carreira ou andaina e independentemente da idade dos participantes, é imprescindible inscrición previa e recollida de dorsal. A recollida de dorsais e chips poderase efectuar no pavillón da Gándara este venres de 16.30 a 20.30 horas; o sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 e o domingo 5 dende as 8.30 ata as 9.30 horas.
A iniciativa enmárcase no programa conmemorativo do 8 de Marzo e inclúese no III Plan de Igualdade de Narón. A saída e meta de ambas probas será das inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara e o circuíto pola zona da Gándara. A carreira terá unha categoría infantil, con saída ás 10.00 horas e outra absoluta, dende as 11.00 horas para cinco minutos máis tarde, ás 11.05, dar a saída da andaina, na que poderán participar persoas de todas as idades. O prezo de inscrición é de catro euros para a carreira absoluta e para a andaina, sendo gratuíta para os menores.
Haberá premios para as tres primeiras mulleres e homes das categorías absolutas e tamén das non oficiais. A participante feminina de maior idade que remate a carreira tamén recibirá un premio e nas categorías de menores levarán medallas todos os participantes. O Comité Galego de Xuíces controlará a proba e ofrecerase servizo de aseos e duchas no pavillón polideportivo da Gándara.