O estudo profundiza na participación dos entes locais no proceso de incorporación do dereito comunitario ao ordenamento xurídico español
Un estudo sobre a normativa local no marco do dereito comunitario asinado polo secretario municipal do Concello de Neda e Doutor en Dereito, Alejandro Antelo, vén de ser recoñecido co accésit dos Premios Fernando Albi. Uns prestixiosos premios que concede a Deputación Provincial de Alicante no seu afán de difundir a cultura e divulgar os estudos sobre a Administración local. Así mesmo, a edición deste 2022 ten o valor engadido de coincidir co bicentenario da institución provincial, realizándose un esforzo especial na convocatoria, de carácter internacional ao participar cidadáns españois e de países Iberoamericanos.
Alejandro Antelo, que compatibiliza a súa práctica profesional no Concello de Neda
coa súa labor docente e investigadora, suma así unha nova distinción grazas a este estudo que profundiza na participación dos entes locais no proceso de incorporación do dereito comunitario ao ordenamento xurídico español. Este é o eixo central do seu traballo, ofrecendo o seu estudo claves valiosas para o día a día da Administración local.
A entrega do premio tiña lugar o pasado venres en Alicante.