Entregáronse 7 Mandís de Honra ás festas da filloa máis senlleiras de Galicia (A Baña, Muimenta, Valongo e Sada), ao chef Manuel Costiña, ao conselleiro de Sanidade e ao director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta
Durante estas dúas semanas de celebracións degustáronse en Lestedo máis de 50.000 filloas
A XL Festa da Filloa de Lestedo congregou a máis de 40.000 persoas, que degustaron máis de 50.000 filloas co seu novo formato, que incluíu dúas fins de semana de celebracións. Hoxe, no día central da festa, milleiros de persoas volveron ateigaron as rúas de Lestedo (Boqueixón) dende primeiras horas da mañá para desfrutaren da confluencia de dúas das Festas de Interese Turístico de Galicia con maior arraigo: a XL Festa da Filloa de Lestedo e os Atranques dos Xenerais da Ulla, que este ano celebraron o VI Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla polas rúas da localidade.
Un desfile moi especial, que comezou a facerse no 2015 pero que non se celebraba dende o ano 2020, e no que tomaron parte máis de medio cento de Xenerais e Xeneralas, 31 deles a cabalo, chegados de Touro, O Pino, Santiago de Compostela, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón. Unha decena deles participaron posteriormente nos tradicionais Atranques de Xenerais no campo da festa.
Máis de 40.000 participantes
Antes dos atranques tivo lugar o pregón da Festa e a entrega dos Mandís de Honra 2023. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, puxo en valor o traballo realizado polos veciños e veciñas de Lestedo en xeral, e da Asociación Cultural da Filloa en particular, porque “o que naceu como unha comida de pobres converteuse hoxe en día no prato máis demandado do Entroido galego. Pero nós reivindicamos que a filloa é un manxar que se pode consumir durante todo o ano”. E como exemplo puxo as elaboracións realizadas polo pregoeiro deste ano, Manuel Costiña, a que nomeou “embaixador da Filloa de Lestedo polo mundo adiante”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, agradeceu a colaboración de todas as persoas, entidades e administracións que fixeron posible esta corenta edición da Festa da Filloa de Lestedo. “En total, estamos falando de case un mes de actividades e de máis e 40.000 persoas que teñen participado nelas”, indicou, “pero isto non acaba aquí, imos seguir traballando para seguir facendo medrar a nosa filloa”.
O deputado autonómico Ovidio Rodeiro tamén puxo en valor o traballo dos veciños e veciñas que “a pesar do laborioso que é facer unha filloa, aquí levan feito nos últimos corenta anos milleiros e milleiros de filloas, o que acredita o que é esta parroquia: unha parroquia de acollida e de xente traballadora e unida”. Finalmente, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que “falar da filloa é falar de Galicia en maiúsculas e que pasa de xeración en xeración”, bromeando cos presentes: “dixéronme que hai amoado para 30.000 filloas, espero que chegue para tanta xente”. Completaron a lista de autoridades presentes no palco o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o deputado provincial Antonio Leira; así como alcaldes e concelleiros da contorna (O Pino, Touro, Sada).
Pregón e mandís de honra
Tras os discursos das autoridades, tomou a palabra o pregoeiro deste ano: Manuel Costiña, prestixioso chef cunha estrela Michelín polo seu restaurante O Retiro da Costiña (Santa Comba) e que onte protagonizou unha singular masterclass de filloas recheas de cacheira e mexillóns. Costiña destacou que “o Carnaval celébrase en moitos sitios arredor do mundo, pero o noso Entroido ten un compoñente gastronómico”.
Neste sentido, lembrou que “cando era rapaz, o Entroido tiña un aroma a filloas. Esas filloas eran as que facía a miña avoa na pedra, unha boa pedra que había na casa dun canteiro, o meu avó”. “Lembro tamén o aroma do unto derreténdose sobre a pedra quente: ese é o meu perfume do Entroido. A ese perfume súmase o son desa mestura caendo sobre a pedra”, apuntou Costiña. Tras explicar que receitas hai tantas como persoas, rematou o seu pregón clamando: “viva a filloa que cada un fai na súa casa. Viva Lestedo e Boqueixón, Viva Galicia”.
Acto seguido, o alcalde de Boqueixón impúxolle o primeiro dos sete Mandís de Honra 2023. O segundo foi para o director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia, Emilio José de la Iglesia Lema, a quen llo entregou Ovidio Rodeiro. O presidente da Asociación Cultural da Filloa impúxolle o Mandil de Honra a Fernando Rodríguez Rabuñal, presidente da Asociación de Filloas da Pedra da Baña. Antonio Leira fixo o propio co coordinador da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez, quen recolleu o premio “no nome das filloeiras e filloeiros, que tamén temos filloeiros, e de toda a xente que fai posible a Festa da Filloa de Muimenta, que agradecemos esta honra e convidámosvos o primeiro de maio á Festa da Filloa de Muimenta. Que nunca falte a filloa nos nosos pratos”.
Jesús Moldes Pérez, presidente da Comisión de Festas de Valongo, recolleu o seu Mandil de Honra convidando tamén aos presentes a achegárense a Cercedo-Cotobade o vindeiro 2 de setembro para desfrutar da Festa da Filloa de Valongo. Así mesmo agradeceu aos presentes por “manter esta tradición tan bonito e defender este postre noso que tanto queremos e tan ben sabe como é a filloa”. Finalmente, a alcaldesa do Concello de Sada, María Nogareda Marzoa, recolleu o Mandil de Honra pola organización da Festa da Filloa de Sada, destacando que estas celebracións “recollen unha tradición que é necesario continuar”.
Pechou a recollida de Mandís de Honra o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a quen lle impuxo o mandil a conselleira Ethel Vázquez, que xa o recibira no ano 2015. García Comesaña destacou que “a filloa está feita con produtos naturais, que son estupendos e que nos vén moi ben dentro desa dieta sa que temos que ter todos. Animarvos ao consumo deste tipo de produtos e a facer un pouquiño de exercicio. Non digo subir ao Pico Sacro pero un pouco que exercicio sempre ven ben”.
Recoñecemento aos xenerais
O acto rematou cun recoñecemento aos xenerais e xeneralas da Ulla, no que José Manuel Iglesias deu lectura á acta de imposición da condecoración de “Xeneral da Filloa 2023” a José Canabal Peón, que lle foi imposta pola súa irmá Uxía Canabal Peón, antes de protagonizaren un dos atranques máis divertidos da xornada. Antes dos atranques finais, a propia Uxía Canabal fixo un atranque sobre o escenario canda María Mera, presentadora do evento.
Durante toda a xornada, dúas máquinas filloeiras estiveron producindo preto de 2.000 filloas cada hora, ás que este ano houbo que sumar tamén as elaboracións especiais: recheas, salgadas, doces, á pedra… Ademais, a Asociación Cultural da Filloa estreou unhas caixiñas rectangulares de cartón para facilitar o consumo das filloas recheas.
A música correu a cargo dos distintos grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, Luz do Ilicinio e o Grupo Ibiza. Tras o xantar no Cocido da Filloa, as orquestras París de Noia e Coleguitas porán o broche de ouro á XL Festa da Filloa de Lestedo.