• Mariñas Coruñesas colaborou no desenvolvemento dos materiais audiovisuais para difundir unha celebración tan singular.
• Tamén terá o seu oco a próxima fin de semana en BioCultura, do 3 ao 5 de marzo.
Samede celebrou hoxe o único Entroido tradicional do territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, en Paderne.
A Reserva de Biosfera colaborou no desenvolvemento dos materiais audiovisuais para difundir unha celebración tan singular, para achegar á poboación local pero tamén aos excursionistas e turistas, dando a coñecer así as tradicións deste territorio como Primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia.
Na Reserva de Biosfera se aposta pola recuperación do patrimonio material e inmaterial: a vestimenta tradicional, a muiñeira cruzada, o Policarpio e, sobre todo, tratar de asegurar o paso desta tradición entre as futuras xeracións.
Así, o próximo curso, a Reserva de Biosfera vai propoñer no seu programa “Educando na Biosfera” o Entroido de Samede, cuxa finalidade é dalo a coñecer, e potenciar unha substitución xeracional que existe, cos nenos e nenas da comarca incorporándose á Asociación Cultural do Entroido de Samede.
Ademais, o Entroido de Samede terá o seu oco en BioCultura o vindeiro domingo 5 de marzo, co tradicional baile da muiñeira cruzada. Esta feira celebrarase en ExpoCoruña do 3 ao 5 de marzo.