— Reafirma o compromiso do Goberno galego coa mellora constante do sistema sanitario, con máis equipamento, novas infraestruturas, avances na vacinación e persoal cualificado
— Salienta a traxectoria profesional do novo académico e o seu labor divulgativo e pedagóxico
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon en valor a excelencia do persoal sanitario que conforma o sistema de saúde galego e reafirmou o compromiso do Goberno galego coa súa constante mellora. Asegurouno na súa intervención na sesión de recepción do doutor Federico Martinón como académico numerario na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.
O titular do Goberno galego salientou a traxectoria profesional do novo académico, do que destacou a súa profesionalidade e entrega á saúde pública como pediatra, investigador e docente, pero tamén como divulgador, consciente de que unha sociedade ben informada é o camiño para unha sociedade sa.
Como coordinador do Centro Colaborador da Organización Mundial da Saúde en Seguridade Vacinal de Santiago, Federico Martinón é tamén unha figura clave para que a cobertura de vacinación infantil sexa unha das primeiras a nivel nacional, e promotor de investigación para a avaliación da eficacia e seguridade de novas vacinas.
Alfonso Rueda comprometeuse a traballar desde o Goberno galego con esa mesma entrega na busca constante da excelencia do sistema sanitario, con máis equipamento, novas infraestruturas, avances na vacinación e persoal cualificado.