• O Concello organiza catro sesións que se levarán a cabo todos os domingos do mes de marzo no local social Xente Nova de Tabeaio.
Carral ampliará, no mes de marzo, o seu programa cultural cunha nova proposta de lecer para veciños e veciñas de todas as idades: un programa de obradoiros de baile. O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, sinala que a iniciativa xorde do interese veciñal e confía en que as sesións teñan “unha boa acollida”. O edil avanza que, en función das cifras de asistencia, o Concello estudará a posibilidade de levar a cabo novas edicións deste programa.
As actividades levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio. Os talleres celebraranse todos os domingos do mes de marzo, entre as 17.30 e as 20.30 horas.
Co fin de abarcar diferentes estilos de danza, os mestres mudarán en cada unha das sesións. Begoña García (5 de marzo), Eduardo Revelación (12 de marzo), Ángel Habana (19 de marzo) e Ana Cristina (26 de marzo) serán os encargados de formar ás persoas asistentes.
Non se require inscrición previa para tomar parte nestes talleres. Os veciños e veciñas interesados deberán achegarse á instalación antes do inicio de cada sesión e terán que aboar 3 euros.