O itinerario galardoado é o tramo do paseo marítimo entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido.
O alcalde, José Manuel López Varela, recolleu hoxe a Bandeira Sendeiro Azul para o Sendeiro de Saldoiro de Caión de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto desenvolvido na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Este distintivo é outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para recoñecer o papel das sendas e camiños de acceso ás praias como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.
O Sendeiro de Saldoiro, no que volverá ondear a Bandeira Sendeiro Azul este verán, obtén o recoñecemento por décimo ano consecutivo. É o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido.
En toda España hai 104 Sendeiros Azuis, dos cales 35 son itinerarios galegos pertencentes a 20 concellos diferentes, sete deles na provincia da Coruña.
Ademais deste recoñecemento, o Concello tamén presentou a ADEAC as candidaturas para que a praia de Caión conte de novo coa Bandeira Azul e para repetir distintivo de Centro Azul de educación ambiental no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.