Logo dunha reunión con representantes de gran parte do tecido comercial da cidade -Ensanche, Cidade Histórica e San Pedro-, representados a través da Asociación Comercio Punto Compostela, o concelleiro de Seguridade Cidadá avanzou que se traballa en novos sistemas que permitan mellorar a rápida detección de intentos de roubo ou irrupcións de intrusos dentro de comercios: “actualmente, non estamos nin moito menos nunha situación alarmante, pero si queremos poñer medidas para reforzar a seguridade dos nosos comercios e rúas” explicou Gonzalo Muíños.
Estúdanse actualmente diferentes alternativas para que os axentes da Policía Local poidan detectar con facilidade e de xeito inmediato calquera incidencia nos locais comerciais, “xa non só que o local teña unha alarma, senón outros mecanismos que reforcen a seguridade, como sinais visuais ou outro tipo de alerta que facilite o traballo dos axentes que percorren a cidade en horario nocturno” aclarou Muíños.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, xunto a diferentes membros da Policía Local e da Nacional, quixo recalcar no encontro que Santiago “é unha cidade segura, e queremos seguir reforzando esa idea, e traballando para que así sexa, en colaboración cos comerciantes da cidade, por iso tamén se lles deron unha serie de recomendacións en canto a seguridade nos locais, mecanismos de prevención e demais actuacións que poden implementar cada un nos seus locais”.
Sobre a iluminación das rúas, manifestaron a súa intención de canalizar a través da Federación Galega de Comercio unha solicitude que chegue á Federación Galega de Municipios e Provincias e á FEMP para poder volver acender a iluminación dos seus escaparates en horario nocturno. Polo que atinxe ao Concello, recalca Muíños que o novo contrato de iluminación “vaise a adxudicar de forma inminente, polo que nos próximos meses irase renovando toda a iluminación pública da cidade por leds e, polo tanto, xa se mellorará cuantitativa e cualitativamente a iluminación das rúas”.