Saturday 16 de November de 2024

Alternativa dos Veciños súmase á defensa dos Montes do Gato como espazo natural protexido


Preténdese converter unha zona con grande interese natural e patrimonial nun polígono industrializado para macroeólicos.

Esta zona, que conta cunha extensión de máis de dez mil hectáreas non fragmentadas, comprende os Concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós, que conforman o núcleo principal da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Neste momento, estase a ver ameazada xa que quere ser convertida nun territorio industrializado con polígonos para a instalación de macroeólicos.

Trátase dun lugar que conta cunha dobre importancia. Por un lado, ten unha compoñente histórica incomparable, xa que conta coa maior necrópole do neolítico de toda Galicia e unha das máis grandes de Europa. Por outro lado, o seu valor natural é incalculable, con espazos húmidos como as brañas, que contan con varias hectáreas de turbeiras. Estas turbeiras acedas de esfagnos son uns raros ecosistemas que ocupan o 3% da superficie terrestre e acumulan o 30% do CO2.

Os veciños da zona uníronse con case 40.000 firmas para reclamar á Consellería de Medio Ambiente a declaración dos Montes do Gato como espazo natural protexido coa categoría de Parque Natural. Ao mesmo tempo, solicitan que se aplique o principio de precaución nese territorio, e que se pare a instalación eólica ata que o Comité Español do Pograma MaB da Unesco non emita un estudo sobre a súa viabilidade.