Haberá dous tipos de bonos: un, dotado con 200 euros para actividades de formación cultural como cursos de baile, danza, teatro e música; e outro, de 60 euros para realizar compras en establecementos culturais como librarías ou venda de entradas
O 1 de marzo abrirase o prazo de solicitude para os establecementos e comercios da cidade interesados en adherirse á campaña
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a aprobación das bases reguladoras do Bono Cultura 2023, que estará operativo no vindeiro mes de marzo.
Tanto as bases desta nova edición do Bono Cultura como a autorización de investimento recibiron luz verde esta mañá, en Xunta de Goberno Local. A convocatoria conta cun orzamento de 260.000 euros.
A través desta iniciativa, o Concello busca dinamizar e apoiar ao sector cultural coruñés, incentivando a compra de produtos ou servizos culturais por parte da cidadanía. “Ademais, co obxectivo específico de estar a carón do pequeno comercio e dos autónomos, esenciais na estrutura do tecido económico da cidade”, apuntou Inés Rey.
O Bono Cultura 2023 suporá un desconto do 50 % do valor económico dos bens, produtos eservizos culturais que merquen as persoas usuarias, sempre e cando sexa nosestablecementos ou empresas prestadoras de servizos que estean adheridas a esta campaña.
Os dous tipos do Bono Cultura 2023
Como novidade a respecto das dúas edicións anteriores, o Bono Cultura 2023 —froito dun acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica— abrangue dúas categorías.
Haberá, en primeiro lugar, un bono dirixido á matrícula ou inscrición en obradoiros, cursos ou actividades culturais. Por exemplo, para formar parte en iniciativas asociadas á danza, a música, o teatro e as artes plásticas. “É un bono formulado baixo unha proposta máis específica, de carácter formativo”, describiu a alcaldesa. Este bono, que se pon en marcha por primeira vez na cidade, está dotado con 200 euros por persoa usuaria, subvencionando un 50 % do gasto no sector cultural para transaccións de, como mínimo, 50 euros.
O segundo bono en cuestión está dirixido á compra de produtos e outro tipo de servizos culturais. Por exemplo, para asistir a espectáculos en vivo, de carácter teatral ou musical, e tamén para mercar libros. Cada particular contará con 60 euros cos que poderá sufragar o 50 % das compras, cun gasto mínimo de 10 euros.
Os usuarios deberán escoller entre os dous tipos de bonos, pois cada persoa só poderá empregar un bono.
A quen vai dirixido o Bono Cultura 2023?
As persoas usuarias do Bono Cultura deberán ser, obrigatoriamente, maiores de 14 anos.
Con todo, terase en conta que se poidan mercar bens, produtos ou servizos destinados a persoas de calquera idade. Por exemplo, no referente á inscrición en obradoiros ou actividades culturais. “Por iso, no caso dos bens ou servizos que vaian aproveitar menores de 14 anos, o bono debe descargalo e utilizalo o pai, nai ou titor legal”, detallou a alcaldesa na rolda de prensa desta mañá.
Neste sentido, cada persoa usuaria do Bono Cultura 2023 soamente poderá descargar un tipo de bono. É dicir, terá que escoller unha das dúas categorías mencionadas previamente.
Cal é o procedemento para os establecementos?
En primeira instancia, abrirase o prazo para que os establecementos que ofrezan bens ouservizos culturais poidan adherirse ao programa do Bono Cultura 2023. O prazo estará aberto do 1 ao 31 de marzo.
Unha vez estean dados de alta, os establecementos participantes deberán descargar unha app móbil subministrada polo Concello, que permitirá rexistrar as vendas aboadas cos bonos e tamén dispor dun seguimento, en tempo real, dos bonos trocados.
As bases da convocatoria fixan un límite de 5.000 euros por establecemento ou fornecedor de servizos culturais.
Cando poderán obterse os bonos?
As persoas interesadas en obter os bonos poderán descargalos e comezar a trocalos desdeo día 15 de marzo e ata o 31 de decembro de 2023, ou ben ata que se esgote o orzamento destinado para esta campaña.
O bono en cuestión, unha vez descargado, terá unha caducidade de dous meses, ou ben ata que se esgote o crédito dispoñible do Bono Cultura. “O establecemento deste prazo tamén ten unha finalidade: incentivar o consumo de produtos culturais no pequeno comercio e nas pequenas empresas da cidade, xa que estará restrinxido só a ese perfil de comercio”, recalcou a alcaldesa.
Os bonos descargados serán persoais e de carácter intransferible. A descarga do bono nonsupón unha reserva da cantidade asignada por persoa. Os usuarios poderán empregar os bonos ata esgotar o orzamento, polo tanto quen non teña empregado os seus bonos unha vez esgotados os 260.000 euros, xa non poderá facelo. O obxectivo é incentivar as compras no comercio local no momento actual.
Onde se poderán descargar os bonos?
A descarga dos bonos por parte das persoas usuarias estará habilitada a partir do día 15 de marzo a través da web de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coas entidades participantes.
O bono en cuestión terá formato dixital, cun código QR, e estará dispoñible para o seu uso por medio de aplicacións móbiles de descarga gratuíta.
“Cada persoa usuaria do bono poderá facer sucesivos consumos de produtos, bens e servizos culturais ata chegar a consumir a totalidade do Bono Cultura descargado”, explicou a alcaldesa, Inés Rey.
O apoio do Goberno de Inés Rey ao sector cultural da cidade
A rexedora puxo en valor o compromiso do Goberno municipal co sector cultural no vixente mandato, no que cobrou especial relevancia a posta en marcha dos Bonos Presco, no contexto da pandemia da Covid-19, unha iniciativa ideada para reactivar economicamente a cidade e os sectores que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria, como foi o caso do tecido cultural.
“O Bono Cultura, ao igual que as Bolsas de Creación Artística, son medidas que puxemos en marcha co Presco, e que ficaron como ferramentas importantes de dinamización cultural alén da pandemia. Os bonos tiveron unha gran demanda na cidade e unha gran acollida por parte do comercio, ao que queremos apoiar con esta iniciativa, que chega á súa terceira edición neste mandato, no que levamos destinados máis de 750.000 euros a bonos culturais para o apoio específico da industria cultural coruñesa”, indicou Inés Rey