Thursday 21 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia das Casas do Maior para promover un envecellemento saudable e como recurso de conciliación para as familias que viven no rural


O Goberno galego impulsou a creación de máis dun centenar deste tipo de centros, superando as 500 prazas de atención diúrna gratuíta en concellos onde antes non existían este tipo de servizos

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, fixo fincapé esta mañá na importancia que teñen as casas do maior como servizo de proximidade que promove un envellecemento saudable e activo, e tamén como recurso de conciliación para as familias que viven no rural. Díxoo durante unha visita á casa do maior que está en funcionamento no municipio coruñés de Vilarmaior e na que estivo acompañado do alcalde, Carlos Vázquez.

Antón Acevedo destacou que Galicia logrou consolidar nos últimos anos unha ampla rede de casas do maior, con máis dun centenar delas en funcionamento por toda a Comunidade que suman en total 520 prazas gratuítas de atención diúrna en medianos e pequenos concellos onde antes non existían servizos semellantes. Ao respecto, explicou que as casas do maior son unha mostra do compromiso do Executivo autonómico por achegar ao carón dos fogares dos veciños de máis idade os recursos que necesitan para que poidan desfrutar desta etapa das súas vidas onde e como prefiran.

Ademais destes centros, outros recursos de proximidade que está a reforzar a Xunta son o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais aos domicilios duns 27.000 maiores; o programa de Coidados porta a porta, co que se prestan servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria de maneira totalmente gratuíta; o Xantar na casa, co que se reparten 14.000 menús semanais a persoas maiores que viven soas; ou a teleasistencia avanzada, que pon a tecnoloxía a disposición dos maiores ofrecéndolles axuda e seguimento soamente premendo un botón.