O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta nova convocatoria que conta cun orzamento de 900.000 euros e que permitirá a creación de dez novos centros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria de casas niño para a creación de 50 prazas máis de conciliación no rural. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a casa niño Tartaruga, situada no concello de Aranga, onde puxo en valor este tipo de servizos que permiten ofrecer atención a nenos de 0 a 3 anos, 100% gratuíta para as familias e en concellos sen escola infantil.
A conselleira apuntou que o Goberno galego habilitou preto de 900.000 euros para a creación de dez novos centros que se sumarán aos 95 xa existentes por toda a Comunidade. Deste xeito, seguirase apostando por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.
Así mesmo, Fabiola García apuntou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro.
Visita á casa do maior
A conselleira aproveitou a súa visita a esta casa niño de Aranga para saudar tamén aos usuarios da casa do maior desta localidade. A través deste centro, o Goberno galego impulsa a atención diúrna a persoas maiores. Desde o ano 2018 a Xunta financiou a creación de máis de 100 casas do maior por toda Galicia, que ofrecen un total de 520 prazas de atención en concellos pouco poboados do rural.