O Concello continúa avanzando na campaña de entrega de embudes para a recollida selectiva do aceite usado de cociña. O edil de Servizos, Ibán Santalla, recordou que este tipo de iniciativas se levan a cabo periodicamente, sendo a anterior a de decembro do pasado ano no Pazo da Cultura, e á que se suma a de hoxe, coa entrega do material no Centro Comercial Narón, en horario de mañá e tarde.
O lema da campaña é “Somos parte da nosa cidade. Codémola!” e conta co respaldo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.
A instalación dos contenedores de aceite ubicados en diferentes puntos da cidade e no propio Punto Limpo de Río do Pozo permitirá, xunto coa colaboración cidadá, evitar que este residuo contamine e tamén custos de saneamento, atascos e avarías na rede. A finalidade maioritaria é o traslado deses aceites usados a unha planta de reciclado para obter biodiesel, tal e como indicou Santalla.
Dende o Concello animaron á cidadanía a implicarse nesta iniciativa, recollendo os aceites de cociña usados para depositalos posteriormente nos contedores de aceite ubicados en diferentes puntos da vía pública, no Punto Limpo do polígono de Río do Pozo e nos puntos limpos de proximidade que se habilitaron en barrios da zona urbana.