Saturday 16 de November de 2024

“O Circo” do colexio Jorge Juan Perlío chega á Casa da Cultura de Fene


O vindeiro luns, 27 de febreiro, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición sobre o circo que o alumnado e profesorado do CPR Jorge Juan Perlío elaborou neste curso, no marco do seu proxecto escolar anual. O acto será ás 16 horas e contará coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do Concelleiro de Cultura, Justo Ardá, do director do colexio, Ángel del Río Correa, e da representante da Anpa Sonia Fernández Veiga. A exposición permanecerá aberta ao público do luns 27 ao sábado 4 de marzo, en horario, de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 20 horas, e o sábado, de 10 a 13 horas. Ademais, ao longo da semana, proxectarase na Casa da Cultura algunha producción cinematográfica con temática circense para animar á comunidade escolar do centro e á veciñanza en xeral a visitar a exposición.

“O circo Jorge Juan” é como se denomina o proxecto educativo elexido polo CPR Jorge Juan Perlío neste curso 2022-2023. A finalidade do proxecto “é poñer a disposición do alumnado unha ferramenta educativa con vocación interdisciplinar e globalizadora”. Neste caso, “o circo como expresión cultural que posúe un gran poder motivacional na escola”.

Segundo explican dende o centro, “a nosa intención con todos os nosos proxectos é facer partícipe non solo ao alumnado, senón tamén as familias e á nosa comunidade. E o Museo do Xaquín Marín foi o lugar elixido este ano para presentar todo o noso traballo”.

A mostra fai un percorrido ao longo da historia, dende o circo romano, o circo tradicional, ata chegar ao  circo moderno, a través da exposición dos diferentes traballos que realizaron os rapaces e rapazas do centro.