Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa denuncia a actitude do Goberno central ao excluír de novo ao sector empresarial de Narón das axudas dos fondos de Transición Xusta


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, calificou de “lamentable e tremendamente inxusto” o feito de que as empresarias e empresarios de Narón, así como persoas emprendedoras, non poidan optar á segunda liña de axudas establecidas polo Goberno central para a Transición Xusta, orzamentadas en conxunto en 40 millóns de euros. “Unha vez máis o goberno central deixa de lado a Narón, quedando fóra do convenio cos dezanove concellos da comarca para impulsar proxectos que se poidan acoller ás novas axudas estatais con bonificacións para contratación de persoas afectadas polo peche das térmicas”.

O pasado mes de xullo a alcaldesa mantiña unha reunión na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones e con Nuria Lamas, axente de Transición en Galicia, na que o propio Miñones lle avanzaba a Ferreiro que se ía abrir unha nova liña de axudas e aseguraba que poderían optar a elas os empresarios e empresarias de Narón. A cidade xa quedou excluída da liña de 12,4 millóns para proxectos sociais, ambientais e culturais en 14 concellos galegos que forman parte dos procesos de transición Xusta, polo que en canto se anunciou esa nova liña Ferreiro contactou telefónicamente con Miñones que, días máis tarde, confirmou que Narón queda excluído novamente das mesmas.

“Os empresarios, empresarias e persoas emprendedoras de Narón xa quedaron fóra de dúas liñas de subvencións do Goberno central, unhas axudas moi necesarias nesta cidade, en cuxos polígonos industriais están asentadas varias empresas que traballaron como subcontratas na térmica pontesa”, subliñou a alcaldesa. Así mesmo, avanzou que, segundo se manifesta dende o Goberno central, Narón tampouco optará á nova convocatoria anunciada de 25 millóns para equipamentos municipais, ao excluílo dos dezanove concellos da zona no proceso de Transición Xusta.

A rexedora local denunciou “a falta absoluta de compromiso do Ministerio de Transición Ecolóxica en xeral con Narón, onde hai tan só uns días escoitabamos a un representante do PSOE dicir que pretende apostar polo tecido empresarial. “O que está acontecendo é un insulto ao sector empresarial da nosa cidade, motor industrial desta comarca, máis aínda cando onte mesmo estiveron o presidente da Deputación e a Ministra de Defensa nunha reunión á que se convocou a parte do sector para falar de oportunidades de futuro no ámbito do sector naval de Ferrolterra”, asegurou. “Se o futuro do sector que veñen a anunciar pasa por que o Goberno central lle continúe dando a espalda aos empresarios e empresarias deste concello, estannos dicindo, tal e como constatan os feitos, que queren un futuro negro para o sector nesta cidade”. A maiores, subliñou que “amosa unha absoluta falta de coñecemento da nosa cidade o feito de non incluíla entre os concellos afectados polo anunciado proceso de peche da térmica”.

Ferreiro denuncia “a reiterada falta de compromiso do Goberno central con Narón, neste caso concreto cos empresarios e empresarias, que están nunha total situación de desamparo” e urxiu aos socialistas incluír a Narón, tal e como lles solicitamos, entre o conxunto de concellos da zona afectada polo proceso de peche da central.