Friday 22 de November de 2024

Tono Chouciño presenta a súa candidatura á alcaldía de Culleredo acompañado por Ana Pontón e a militancia do BNG


Acompáñano Bea Pérez e Gonzalo Méndez, que repiten e serán números dous e tres respectivamente

Ana Pontón destacou a tenacidade do candidato e a gran capacidade da equipa do BNG de Culleredo

O BNG de Culleredo dá un paso máis cara a alcaldía de Culleredo e presenta a Tono Chouciño como firme candidato. O acto de presentación tivo como convidada de honra a Ana Pontón, voceira nacional da formación, e tivo lugar a tarde de hoxe xoves, día 23 de febreiro, no Centro Cultural de Castro e A Laxe, na parroquia de Rutis. Na súa intervención, Chouciño insistiu en que “Culleredo necesita un goberno decente que se encargue do día a día, que estea ao carón da xente”.

Ana Pontón destacou a capacidade da equipa do BNG e valora que se ten “achegado a cada rincón deste concello, ten acompañado a moitos movementos sociais, asociacións, plataformas…”, liderado por un Tono Chouciño do que “sen dúbida destaca a súa tenacidade, e podedes ter claro que a onde vai Chouciño, chega Culleredo, e escoitase a Culleredo alto e claro.” E, despois de 40 anos de “gobernos caducos, que se teñen demostrado esgotados”, engade, “o BNG conta cun modelo de xestión municipal transformador que se ten demostrado exitoso”.

O actual equipo repite e tanto Bea Pérez como Gonzálo Méndez serán números dous e tres respectivamente na lista que concorrerá ás eleccións municipais, que se celebrarán o vindeiro 28 de maio.