Friday 22 de November de 2024

Rosalía recibe a homenaxe da veciñanza de San Sadurniño con cores, letras, poemas e música


Unha investigación da historiadora Sagrario Abelleira revelou en 2021 que Rosalía Castro (poñémolo sen o “de” porque era como ela asinaba) naceu un día 23 de febreiro e non o 24 como sempre se creu. Por iso, desde o ano pasado a homenaxe á autora ten a xornada de hoxe marcada no calendario como data oficial do seu aniversario, e van 186. San Sadurniño sumouse ao tributo cun acto que se desenvolveu na Casa da Cultura no que participou a rapazada do CPI, o grupo de cantos de taberna e varias das persoas usuarias do Centro de Día, quen ademais tamén contribuíron ao grande mosaico artístico “Letras e cores para Rosalía”. A través desta última iniciativa, o Concello convidou á veciñanza a escribir lemas dedicados á autora e a darlle cor a un deseño do debuxante Juanlu Nacha. En total recibíronse 250 tarxetas que poden admirarse e lerse no recibidor do centro cultural.

O tributo que se lle ofreceu á escritora esta mañá en San Sadurniño combinou a interpretación de varias pezas tradicionais por parte da escola de cantos de taberna coa lectura de textos extraídos da antoloxía poética rosaliana.

Nas declamacións participaron, principalmente, o alumnado e o profesorado do CPI de San Sadurniño, aínda que tamén houbo varias persoas que se achegaron á Casa da Cultura para sumárense á homenaxe, xa fose lendo fragmentos da súa obra ou versos e escritos de autoría propia reivindicadores da súa figura e da vixencia do seu pensamento galego e feminista.

Ademais, no transcurso do acto tamén puido verse a peza “Feminino”, producida polo colectivo The Sun Girls (Graciela Galdo, Olga Vigo e Mónica Cibreiro) para o último Chanfaina Lab. A curta, máis ben videoclip, está montada con 160 fotografías de mulleres de San Sadurniño sucedéndose sobre o poema de Rosalía “A xustiza pola man”, recitado como rap.

Mónica Cibreiro introduciu a proxección dirixíndose á mocidade do CPI para pedirlle que reflexionase sobre o seu contido “que segue estando moi vixente”, asegurou.

A concelleira de Cultura, Amparo Calvo, conduciu o evento celebrado esta mañá alternado coa entrega de agasallos -camisetas, plantas e pequenos detalles relacionados coa escritora- sorteados entre todas as persoas que achegaron escritos ou debuxos coloreados dentro da iniciativa artística colectiva “Letras e cores para Rosalía”.

Entre textos e estampas o Concello xuntou arredor de 250 tarxetas que hoxe mesmo quedaron distribuídas por todo o recibidor da Casa da Cultura. A responsable da área destacou a alta participación e agradeceu especialmente a implicación da rapazada do centro educativo e das persoas usuarias do Centro de Día.

O acto de homenaxe a Rosalía co gallo do seu 186º aniversario rematou cantando a versión de Uxía Senlle de “A Rosalía (No bico un cantar)”, musicada orixinalmente por Luís Emilio Batallán sobre un poema de Manuel Curros Enríquez.