Friday 22 de November de 2024

O BNG pide non cometer o erro de comezar a circunvalación sen facer antes o estudo do trazado alternativo


Tralo anuncio da Xunta de que se adxudicaron os traballos para executar a primeira fase da circunvalación de Ribeira por 519.982 euros, o BNG demanda o cumprimento dos acordos plenarios acadados antes de que comecen as obras e se dilapiden máis de 10 millóns de euros.

O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, recrimina a estratexia do Partido Popular de seguir adiante co proxecto decidido unilateralmente polo alcalde e o Goberno galego a pesar existiren acordos plenarios para estudar un trazado alternativo. Barral acusa ao alcalde ribeirense de pospoñer a realización do estudo comparativo para darlle marxe á Xunta a comezar as obras. Os nacionalistas lembran que Ruiz está incumprindo varios acordos ao excluír, deliberadamente, o trazado proposto polo BNG para facer a circunvalación mellorando a estrada que vai de Xarás a Frións. “O alcalde non ten interese en buscar o consenso e por iso o seu partido, tanto no Concello como na Xunta, mostran unha falta de talante diante dunha actuación que prexudica á veciñanza e compromete o futuro de Ribeira nas próximas décadas”.

Desde o BNG denuncian que os Populares van cometer o erro de iniciar as obras antes de ter os informes técnicos que avalíen o trazado alternativo apoiado pola veciñanza e todos os grupos da Corporación Municipal agás o PP.

A alternativa: facer a circunvalación pola estrada de Frións-Xarás

Pérez Barral pide que os gobernos galego e local recapaciten para evitar un “dano irreparable” en Ribeira gastando miles de euros de fondos públicos. Barral defende que se debe facer ese estudo independente no que se valore a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.

Desde o BNG cren que a Xunta cometerá un erro grave se inicia as obras sen ter o estudo do trazado alternativo proposto polo BNG que sería máis económico, non afectaría á poboación e tería un menor impacto ambiental.

Imaxe de arquivo: O portavoz Luís Pérez cos membros da plataforma de afectados pola circunvalación.