O orzamento ascende a 50.000 euros.
O Concello desenvolverá en próximas datas un plan municipal de mellora dos parques infantís de titularidade municipal coa finalidade de renovar e modernizar os equipamentos e facelos máis atractivos, cómodos e seguros para os seus usuarios.
A iniciativa comezou coa elaboración dunha auditoría para coñecer o estado actual dos parques infantís, determinar as necesidades que presentan e en cales é prioritario actuar.
En base a dita auditoría, redactouse o proxecto valorado en 50.000 euros que inclúe intervencións en catro localizacións diferentes: tres delas no núcleo urbano da Laracha, en concreto nos parques infantís da Praza do Concello, da praza O Recreo e do parque Maximino Canedo, e a outra en Caión, no parque situado na zona da Insua xunto ao colexio.
En todos os casos inclúese a substitución do actual pavimento de lousas de caucho por outro continuo de absorción de choques para mitigar o impacto ante posibles caídas dos nenos. Tamén se realizarán as oportunas reparacións nos xogos.
Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse solicitar o cofinanciamento deste proxecto con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental que convoca a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.